Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Ponteceso reinventa a súa Semana Santa cunha proposta que pon en valor as tradicións, a música e a gastronomía propias

O goberno municipal, acompañado por representantes da Asociación de Empresarios e da Irmandande Virxe das Dores, presentou os actos que se van desenvolver a partir do venres 23 en Corme e Ponteceso

Presentación da programación de Semana SantaA Semana Santa como nunca a viviches agárdate en Ponteceso. Nun ?esforzo colectivo do Concello e do movemento asociativo?, como o definiu hoxe o alcalde, Lois García Carballido, reinventamos unha das épocas turísticas máis importantes do ano para converter o noso concello nun dos centros de actividade máis potentes da Costa da Morte.

Deste xeito, e grazas á colaboración da Asociación de Empresarios e da Irmandade Virxe das Dores, este venres 23 arranca unha semana chea de actividade, que mesmo se verá reforzada coas actividades programadas para esta fin de semana dentro da segunda etapa do Camiño dos Faros (Niñóns-Ponteceso).

A Semana Santa comeza en Corme cos actos relixiosos do Venres de Dores. Mañá ás 20 horas haberá misa cantada pola Coral Brisas do Mar, seguida da procesión coas imaxes das Dores e da Piedad, acompañada polas distintas confrarías e a banda de cornetas e tambores da O.J.E. de Ferrol. O programa completo, que se estende ata o 1 de abril, podedes consultalo na sección de AXENDA na nosa web, pero un ano máis estará marcado pola devoción. ?Hai poucas localidades onde tanta xente se implique na Semana Santa como se implican os cormeláns?, manifestou o alcalde.

Lois García Carballido presentou hoxe o programa da Semana Santa acompañado polos concelleiros José Manuel Pose Verdes e Carlos Penedo Casmartiño, así coma por representantes da Irmandade Virxe das Dores e da Asociación de Empresarios de Ponteceso, que se suma á promoción turística do noso concello coa VI Ruta de Pinchos, prevista para o sábado 31. Nesta ocasión participan nove locais (Restaurante A Pesqueira, Bar RS, Café Bar O Cruce, Bar Abeiro, Cafetería Madison, A Eira, Cervecería Faldra Folk, Cafe Bar Rosalía e Casa Eiroa. En todos eles o público poderá degustar pinchos de balde coas súas consumicións, e ademais haberá animación musical co grupo Os Farrapos de Cesullas.

Música e gastronomía na Festa Marisqueira

A música e a gastronomía van estar moi presentes esta Semana Santa, porque o Concello de Ponteceso organiza a primeira edición da Festa Marisqueira, un evento que nace para reforzar o atractivo turístico do noso concello e para poñer en valor os produtos da nosa ría. ?Cremos que había un nicho por encher. A Festa do Percebe é insubstituíble, ademais de ser a máis importante da comarca, pero tamén queremos que os produtos da ría teñan a promoción que merecen?, sinalou o alcalde.

Deste xeito, desde o xoves 29 pola tarde ata o sábado 31 pola noite, poñeranse á venda racións de ameixas á mariñeira, navallas á prancha, berberechos ao vapor e en empanada, polbo e ourizos. Os prezos non están fixados porque dependerán do mercado, pero intentarase que sexan prezos populares. As degustacións, que se realizarán ao mediodía e pola tarde-noite, inclúen tamén a promoción dos viños do país e da música galega. Pero a cousa non remata aí, porque o sábado a partir das 14.00 horas tamén teremos unha paella xigante, con 1.000 racións en total que se venderán a 5 euros.

A animación está garantida desde o minuto 1, porque no acto inaugural, o xoves ás 20 horas, contaremos coa Charanga Mekánica. O venres estará en Ponteceso ?O cego na feira?, un espectáculo de música e teatro do que asistiremos a varios pases ao longo da xornada, e pola noite teremos aos incomparables Festicultores en Concerto. E o sábado seguirá a música, coa orquestra Essencia tanto na sesión vermú coma na verbena. E para o público familiar teremos ao Mago Álex a partir das 17 horas.

?Fixemos este esforzo porque queríamos que a Semana Santa tivese máis forza, e ao mesmo tempo xa poderemos estrear a renovada Praza do Recheo?, destacou o concelleiro de Festas, José Manuel Pose Verdes. Na mesma liña, Carlos Penedo destacou que a Festa Marisqueira ?permítenos darnos unha alegría despois de tanta penuria como tivemos que pasar. A Praza do Recheo é a primeira obra que puidemos levar a cabo, e nese sentido é un éxito do goberno?, salientou.

Concello de Ponteceso