Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

19 alumnas do obradoiro de Arranxos Florais inauguran o programa Actívate 2018

Na primeira sesión, que tivo lugar na biblioteca do Centro Cultural, estivo presente a concelleira de Servizos Sociais, Isabel Vuelta

O programa Actívate 2018 xa está marcha. A biblioteca do Centro Cultural de Ponteceso acolleu na tarde de onte o inicio do calendario de actividades incluídas nesta iniciativa, promovida pola Concellería de Servizos Sociais para incrementar a oferta de ocio e lecer dos veciños e veciñas do municipio, mellorar a súa calidade de vida e fomentar a participación social.

As primeiras en comezar foron as 19 alumnas do obradoiro de Arranxos Florais, que xa se puxeron mans á obra dende o primeiro momento. Imaxinación e creatividade deron paso en menos de dúas horas ás primeiras creacións elaboradas con flores naturais. Ata o obradoiro, que está a ser impartido pola empresa de economía social MáisPorvir, achegouse a responsable da área, Isabel Vuelta, para dar a benvida ás participantes e, á vista dos traballos realizados, trasladarlles os seus parabéns. Así mesmo, a concelleira destacou a boa acollida da actividade e agradeceu o elevado número de participantes, procedentes de diferentes parroquias da vila. As clases, que se desenvolverán durante os meses de abril e maio, terán lugar os luns e mércores de 17 a 19 horas na biblioteca do Centro Cultural de Ponteceso.

Calendario
Pero as actividades formativas continuarán durante todo o ano coa posta en marcha de máis cursos. Así, o seguinte será o de Artes Manuais (técnica de patchwork), previsto para o mes de xuño. En setembro e outubro será a quenda dos alumnos/as de Memoria Activa e en novembro e decembro un obradoiro sobre Novas Tecnoloxías pechará o calendario de 2018. En total serán 54 sesións teórico-prácticas e 108 horas de duración.

Concello de Ponteceso