Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Programada para o sábado unha limpeza do Esteiro do Anllóns, do que se sacará o lixo en piraguas para evitar danos nas dunas

A participación tamén é limitada por motivos medioambientais

O colectivo As Píllaras das Dunas, coa colaboración da Asociación Mar de Fábula e o Concello de Ponteceso, ten programada para o sábado 5 de maio unha limpeza de lixo mariño no Esteiro do Anllóns. Debido a que se trata dun espazo especialmente sensible adoptaranse todas as medidas e precaucións para evitar danos medioambientais. Deste xeito, por exemplo, a participación é limitada. Pero ademais, como alternativa ao uso de vehículos que poidan danar as dunas, a retirada dos sacos de residuos que se recollan realizarase con piraguas.

O goberno municipal considera que todas as precaucións son poucas á hora de protexer unha paraxe practicamente virxe, cunha gran riqueza natural, ademais de paisaxística. De feito, ao longo do 2018, continuando coa liña de traballo iniciada nos últimos anos, o Concello de Ponteceso pretende continuar desenvolvendo novas actuacións de carácter global encamiñadas á conservación, reposición e restauración de espazos naturais e do reequilibrio territorial que favorezan o medio ambiente e que ademais, directa e indirectamente, fomenten o emprego local.

A limpeza do Esteiro do Anllóns realizarase desde as 10.30 ata as 14.30 horas do sábado. Debido a que a participación é limitada, as persoas interesadas deben anotarse canto antes a través da páxina de Facebook As píllaras de Ponteceso ou enviando un correo ao enderezo electrónico aspillarasdasdunas@hotmail.com. Ao remate da xornada o voluntariado será convidado a comer unha paella na praia de Balarés.

Concello de Ponteceso