Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Comezan as obras da rede de abastecemento á parroquia de Tallo, que supoñen un investimento de 126.324 euros

O concelleiro de Infraestruturas comprobou de primeira man o inicio dos traballos, que son executados pola empresa Construcciones López Cao

A recente seca puxo de manifesto en toda Galicia, e tamén no noso concello, a importancia de dispoñer de redes de abastecemento de auga que garantan o servizo aínda en condicións adversas. Conscientes desa necesidade, desde a Concellaría de Infraestruturas estamos a impulsar as medidas precisas para que un recurso indispensable chegue a toda a poboación. Nesa liña enmárcanse as obras que veñen de comezar hoxe na parroquia de Tallo, na que, ademais de achegar o servizo aos domicilios, queremos cubrir as necesidades das explotacións gandeiras, que teñen un gran consumo diario, e que en épocas de seca teñen que ser abastecidas con camións cisterna.

O concelleiro de Infraestruturas, José Manuel Pose Verdes, desprazouse hoxe ata Tallo para comprobar de primeira man o inicio dos traballos, que son executados pola empresa Construcciones López Cao cun orzamento de 126.324 euros. O prazo de execución é de dous meses.

O proxecto que está a desenvolverse en Tallo non só garantirá o subministro na parroquia, senón que terá capacidade suficiente para atender as necesidades que poidan xurdir no futuro en núcleos coma Langueirón.

Concello de Ponteceso