Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O campo do Pinguel acollerá este sábado 26 o Torneo de Fútbol 8 Costa Bergantiñá

Nenos e nenas das escolas deportivas de varios concellos e de varios clubs da contorna participarán na competición

Esta fin de semana o Concello de Ponteceso volverá a converterse na sede do deporte para acoller o Torneo de Fútbol 8 Costa Bergantiñá, que se disputará o sábado 26 no campo do Pinguel. Nesta ocasión, os protagonistas da xornada serán os nenos e nenas das escolas deportivas municipais das categorías pre-benxamín, benxamín e alevín. Laxe, Malpica, Cabana e Ponteceso serán xunto co C.D.C Zas, O Xallas, Razo e Coristanco os equipos que participen na que será a gran festa do fútbol base da comarca, organizada pola asociación Costa Bergantiñá en colaboración co Concello de Ponteceso.

O calendario deportivo da xornada estenderase ao longo do día con encontros simultáneos nos dous campos de fútbol do Pinguel en horario de mañá e tarde. Os máis madrugadores/as serán os nosos deportistas da categoría alevín, que se enfrontarán a Coristanco ás 09:30 horas ao igual que os xogadores do Laxe e o C.D.C. Zas. Ás 10h será a quenda do equipo local de benxamíns cun partido contra Laxe e media hora máis tarde os pre-benxamíns saltarán ao céspede para xogar co Coristanco B.

Tras un descanso para xantar e repoñer folgos, a competición volverá ás 15h para acoller a ronda de semifinais e finais. O evento finalizará coa entrega de medallas aos campións e aos equipos participantes.

Dende a Concellería de Deporte que dirixe Marco Varela, animan a toda a afección e veciñanza a participar da gran festa do fútbol base da comarca e apoiar este tipo de iniciativas coas que se pretende promover o deporte entre os nenos e nenas en idade escolar e fomentar valores como o respecto, a amizade ou o traballo en equipo.

Consulta o calendario da xornada con todos horarios dos partidos para que non perdas ningún. Prepárate para gozar do mellor fútbol da temporada!

Concello de Ponteceso