Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso envía 9.000 cartas a propietarios de fincas e montes para informar sobre as obrigas de limpeza

O goberno municipal intensificará os labores de vixilancia e control durante os meses de verán para intentar garantir a seguridade das persoas e das edificacións

O goberno municipal de Ponteceso está disposto a plantarlle cara ao lume e poñer fin a unha praga que cada ano arrasa milleiros de hectáreas deixando tras de si un panorama de destrución e desolación, ao tempo que aposta pola explotación sostible e rendible dos nosos montes. Con esa intención vimos de poñer en marcha unha campaña de prevención e vixilancia para ofrecer á veciñanza a información que a Xunta non lle dá, e que se intensificará durante os meses de verán coa finalidade de evitar posibles danos e prexuízos tanto a veciños/as e propiedades como ao rico patrimonio natural da nosa contorna.

A defensa e protección contra os lumes forestais é un asunto prioritario no noso concello e, por iso, dende goberno xa se adoptaron as primeiras medidas. Trátase do envío de 9.000 cartas dirixidas a todos os propietarios/as das fincas afectadas, para comunicarlles as franxas obrigatorias de xestión de biomasa vexetal e retirada de árbores, segundo establece a Lei 3/2007 da Xunta de Galicia.

Ademais do comunicado xúntase un mapa-esquema coas distancias de plantación estipuladas co obxectivo de facilitar e identificar as parcelas (ou tramos) afectadas polo rango dos 50 metros de limpeza obrigatoria arredor de solos urbanos e edificacións. Neste senso, dende o consistorio lémbraselle aos afectados/as que na zona alaranxada da ficha que se lles xunta non pode haber especies como piñeiros, eucaliptos, acacias, toxos, xestas, silvas nin fieitas. En caso de que os haxa, deben proceder a súa retirada no prazo de 15 días tras a recepción da carta informativa, obriga que a Xunta de Galicia establecía ata o 31 de maio.

Con esta iniciativa, que xa fora posta en marcha hai dous anos polo Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Ponteceso, preténdese dar resposta a todos os veciños e veciñas que se atopan ?alarmados e desinformados pola Xunta de Galicia", segundo afirmou o Alcalde Lois García Carballido, que tamén destacou a ?intención de colaborar na protección do máis valioso que temos, que son as vidas e os investimentos das persoas, os seus efectos persoais e o que herdaron dos seus pais e nais".

Así mesmo, o rexedor municipal foi moi crítico co goberno autonómico ao afirmar que ?non se pode pretender que centos de veciños de Ponteceso, propietarios dos monte, vaian ata Carballo a encher un documento tan complicado como é unha declaración responsable. Non é de recibo descargar no Concello o traballo da Xunta?, concluíu.

O sector forestal, un recurso económico
Ademais, a ficha que acompaña a cada carta tamén permitirá que os/as propietarios/as dos montes coñezan exactamente a superficie que poden plantar e, deste xeito, optar por unha explotación rendible e sostible. Desde o Concello de Ponteceso apostamos polo sector forestal como dinamizador da economía, e nese sentido queremos que a veciñanza dispoña de toda a información e dos recursos precisos para poder realizar unha xestión axeitada do monte.

Vixilancia e control de fincas
Por outra banda, e como segunda medida, o Concello de Ponteceso intensificará nos vindeiros meses os labores de vixilancia e control en todas as parcelas que incumpran o deber de limpeza no tramo dos 50 metros de vivendas e outras edificacións, procedendo, se fose necesario, á execución forzosa a través de multas coercitivas, como xa vén anunciando a Xunta de Galicia.

Esta nova acción municipal é froito da cooperación entre o Concello e un equipo de especialistas, formado por dúas enxeñeiras, un informático e persoal do Catastro, ademais da colaboración dos membros do GES, cuxa achega se realizou con cargo ás axudas do programa de Medio Rural 2017.

Finalmente, as persoas que estean interesadas en obter máis información sobre os diferentes ámbitos de actuación, poderán consultar o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal que se atopa a súa disposición no Centro Cultural de Ponteceso, na oficina municipal de Corme ou na propia web municipal www.ponteceso.gal.

Explicación das fichas adxuntas á carta
Referencia catastral: é a localización da parcela. Está aberto en internet para consulta, na páxina do catastro.
Superficie total: A parcela enteira.
Superficie limpeza: a parte da parcela (laranxa na foto) dentro dos 50m. En caso de ser moi pequena non se ve no mapa. Detectada: debe mantela limpa, non ten que comunicar nada ao Concello.
Lenda: a parte laranxa debe estar limpa.
Para máis información, o cartel que figura anexo á carta enviada aos propietarios/as permanecerá exposto no Centro Cultural de Ponteceso, na Oficina de Turismo e na Oficina Municipal de Corme.
No caso de detectar erros na información catastral das fincas, deberán comunicalo en https://www.sedecatastro.gob.es/ para a súa corrección e/ou modificación.

Concello de Ponteceso