Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Arranca na parroquia de Anllóns a campaña intensiva de vixilancia e control de fincas

As primeiras xestións realizadas polo GES permitiron identificar a titularidade de varias propiedades grazas ás achegas da veciñanza

O Concello de Ponteceso, en colaboración co Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), vén de poñer en marcha unha campaña intensiva de vixilancia e control de fincas, tanto no núcleo urbano como nas zonas rurais do municipio, para a prevención de incendios forestais durante os meses de verán. Ademais do envío de 9.000 cartas informativas aos titulares das propiedades, unha das primeiras medidas adoptadas esta mesma semana está a ser a identificación da titularidade dalgúns terreos para proceder ao cumprimento, por parte dos propietarios, das obrigas de limpeza e conservación dos mesmos respectando as franxas obrigatorias de xestión de biomasa vexetal e retirada de árbores, que establece a Lei 3/2007 da Xunta de Galicia. Grazas á colaboración veciñal, os primeiros froitos non se fixeron esperar.

O GES de Ponteceso iniciou na parroquia de Anllóns os traballos de vixilancia das parcelas que no Catastro figuran a nome do Concello, con titular descoñecido ou en investigación. Grazas ás achegas dos veciños e veciñas da zona logrouse clarexar e determinar a propiedade privada dalgunhas desas fincas e montes, cuxos titulares poderán iniciar agora os trámites para inscribilas debidamente. Neste sentido, os veciños e veciñas que o desexen poderán cotexar a información relativa as súas fincas en https://www.sedecatastro.gob.es/ a fin de modificar e/ou corrixir posibles erros. ?Isto demostra que a campaña que está a levar a cabo o Concello de Ponteceso serve tamén para actualizar os datos catastrais?, indicou o alcalde, Lois García Carballido.

Durante os meses de verán, o Concello de Ponteceso continuará desenvolvendo novas accións de control nas zonas urbanas e rurais do municipio para facer un seguimento daquelas parcelas que incumpran o deber de limpeza no tramo dos 50 metros de vivendas e outras edificacións, procedendo, se fose necesario, á execución forzosa a través de multas coercitivas. Pola súa banda, o alcalde apela á colaboración veciñal para protexer o patrimonio natural e evitar posibles danos e prexuízos na nosa contorna.

Concello de Ponteceso