Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

As bandeiras azuis ondearán a partires de mañá domingo nos areais de Balarés, Ermida e Osmo

Este verán o servizo de salvamento e socorrismo tamén estará operativo na praia de Niñóns os domingos e festivos

Praia de BalarésO turismo sostible é un obxectivo permanente do goberno municipal de Ponteceso, que está a traballar desde diferentes frontes para que tanto os nosos veciños e veciñas coma as persoas que nos visitan poidan gozar das nosas paisaxes, do noso litoral e do noso patrimonio nas mellores condicións. Como recompensa ao traballo que vimos desenvolvendo nos últimos tempos, este verán, por segundo ano consecutivo, contaremos con bandeira azul en tres praias: Balarés, Ermida e Osmo.

A mellora permanente dos servizos que prestamos á cidadanía na costa vén de ser recoñecida un ano máis por Adeac-Fee, a entidade internacional que concede as bandeiras azuis. Mañá domingo a partir das 12.00 horas serán izadas nas tres praias, tal como anunciou a concelleira de Turismo, Susana Toja.

Así mesmo, nese obxectivo de mellora continuada, este verán non só teremos servizo de salvamento e socorrismo nas praias con bandeira azul, senón que tamén estará operativo no areal de Niñóns os domingos e festivos.

Ademais, o noso litoral formará parte do proxecto Mares Circulares, impulsado por Coca?Cola para levar a cabo unha recollida de residuos que permita, de aquí ao ano 2025, retirar o equivalente ás latas e botellas comercializadas no noso país. Mil voluntarios percorrerán este verán as costas de España e Portugal, e aquí deteranse na praia da Barra, unha das catro escollidas en Galicia.

Concello de Ponteceso