Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O domingo 22 estará restrinxido o acceso de vehículos ao porto de Balarés por mor da Travesía a Nado Costa Abanca Duacode

142 deportistas participarán na experiencia

Finalmente serán 142 os/as participantes na Travesía a Nado Costa Abanca Duacode Balarés, que se celebrará este domingo 22 de xullo. Con motivo da competición deportiva, o alcalde, Xosé Lois García Carballido, vén de publicar un bando no que informa sobre a restrición do acceso de vehículos a motor ao porto de Balarés entre as 08.00 e as 14.00 horas, xa que toda a zona sinalada no mapa adxunto quedará destinada ao tránsito peonil.

Para facilitar o aparcamento tanto a participantes coma a público habilitarase unha zona de estacionamento no Prado de Balarés, e no caso de que resultase insuficiente tamén poderán deixarse os vehículos no monte da pista Balarés-Gondomil. Tamén se poderá aparcar, ata completar as prazas, nos aparcadoiros en batería situados fóra do piñeiral a dereita e esquerda. En todo caso prégase que os/as condutores/as atendan os consellos e as indicacións do voluntariado. O acceso á rotonda de Balarés estará libre en todo momento.

Competición deportiva
A concentración dos/as deportistas está prevista para as 09.00 horas. Este ano, ademais da distancia de 3.200 metros con saída e chegada en Balarés, incorpórase un segundo percorrido de 1.600 metros entre a praia da Area das Vacas e a de Balarés.

Igual que na primeira edición, haberá servizo de gardarroupa e gardería, entre outros, e ademais unha paella preparada pola Agrupación Deportiva Abellariza, impulsora do evento, agardará aos participantes á chegada.

Así mesmo, desde a Travesía Costa Abanca Duacode Balarés, que este ano está integrada nun circuíto provincial xunto coas da Coruña, Oleiros, Malpica e Fisterra, realizarase un donativo de 2 ? por cada participante a favor da Asociación Galega de Ataxias coa finalidade de contribuír á investigación sobre una enfermidade con moita incidencia na nosa contorna.

Ligazóns recomendadas


Concello de Ponteceso