Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Excelente acollida da 1ª edición dos Premios Deportivos Concello de Ponteceso, que reuniu a 250 persoas

? As Escolas Deportivas Municipais de Fútbol Sala e Fútbol 8, o Ponteceso, o Corme e Kickboxing Ponteceso acadaron recoñecementos colectivos e individuais polos éxitos acadados na pasada temporada
? Tamén houbo recoñecementos especiais ás asociacións Vila de Pondal, Vidú e Abellariza e aos deportistas Ramiro Amarelle, Sandra García, José Manuel Mato, Suso da Torriña e Manuel Vidal

O salón de actos do Edificio das Escolas de Ponteceso quedou pequeno onte á noite para acoller a I edición dos Premios Deportivos Concello de Ponteceso, organizada pola Concellería de Deportes para recoñecer o esforzo, a dedicación e os logros dos nosos/as deportistas, como sinalou o responsable do departamento Marco Varela no seu discurso inaugural, no que tamén destacou o apoio e o compromiso institucional para promover o deporte minoritario e o feminino ?e así o proba a elección, como madriña da primeira gala, da nosa piloto máis internacional, Sandra García, á quen quero dar as grazas por aceptar o convite e acompañarnos neste acto?, subliñou.

A continuación, ámbolos dous foron os encargados de presentar a nova imaxe corporativa da área de Deportes, moito máis moderna e actual, que lucirá a partir de agora en toda a publicidade e eventos institucionais.

Pola súa banda, o alcalde, Xosé Lois García Carballido, quixo agradecer o traballo de todas as entidades e profesionais ?que fan posible que na actualidade o noso municipio sexa un referente deportivo?. O rexedor municipal tamén aproveitou a ocasión para renovar a aposta do goberno pola promoción do deporte local, a través da colaboración coas asociacións e clubs do municipio, a mellora das infraestruturas e a dotación de novos equipamentos públicos. Neste senso, destacou a construción xa en marcha do novo ximnasio municipal que se está a realizar no planta baixa do Edificio das Escolas.

As butacas do salón de actos resultaron insuficientes para acoller ás preto de 250 persoas, entre deportistas, familiares, amigos e veciños/as, que non quixeron perderse o recoñecemento público ás sete entidades e cinco deportistas individuais que foron galardoados nesta primeira edición. Ademais de medallas e trofeos, durante a gala puideron verse moitas bágoas de emoción e satisfacción ao ver premiadas algunhas das traxectorias de maior percorrido non só do municipio, senón tamén de toda a Costa da Morte como a de José Manuel Mato, Suso da Torriña e Manuel Vidal, galardoados pola súa dedicación e proxección ao Ponteceso SD, ao Corme CF e Alma Máter da A.C.D. Veteranos Ponteceso, respectivamente. A mesma distinción recibiu o xogador de fútbol praia Ramiro Amarelle, quen a pesar de non poder acudir á gala por atoparse traballando en China como adestrador da selección nacional, enviou unha emotiva mensaxe de agradecemento. No seu lugar, recolleron o premio a súa irmá María e o seu afillado Alejandro, en representación da escola RA10 fundada por el mesmo hai 5 anos para a promoción deste deporte.

Pero na I edición dos Premios Deportivos Concello de Ponteceso tamén houbo tempo para outras disciplinas que deixaron ao público coa boa aberta. Unha delas foi a actuación musical de Clara e Ana, dúas mozas do municipio cun futuro máis que prometedor, que se encargaron de abrir e pechar o acto. A outra veu da man dunha alumna da Escola Municipal de Danza que realizou unha exhibición maxistral pese ás limitacións de espazo existentes.

Ao remate, os e as asistentes tiveron a oportunidade de conversar e intercambiar impresións e lembranzas nunha degustación de petiscos celebrada no primeiro andar do Edificio das Escolas.

Galardoados/as
E.D.M. de Fútbol Sala e Fútbol 8. Pre-benxamíns (fútbol sala); Benxamíns (fútbol sala e fútbol 8); Alevíns (fútbol sala e fútbol 8)
Ponteceso S.D. Equipo Alevín. Campión de Liga
Corme C.F. Equipo Xuvenil. Campión de Liga e Copa
Kickboxing Ponteceso
? Martín García, 3° no Campionato de España, 2° no Campionato de España de Clubes, 2° Campionato Galego 2017, 3°Campeonato Galego en Toques?
? Nerea Amado, 2ª no Campionato de España de Clubes 2017, 3ª no Campionato Galego de KickBoxing en modalidade light-contact 2017, 3ª no Campionato Galego Kickboxing modalidade Kicklight 2017,?
? Gonzalo Suárez, Campión Copa España de Clubes, subcampión galego full-contact.

Recoñecementos especiais
A.D. VILA DE PONDAL. Aportación ao deporte feminino local
A.D. VIDÚ. Apoio aos deportes minoritarios
A.D. ABELLARIZA. Impulsores de novas iniciativas
RAMIRO AMARELLE. (Xogador de fútbol-praia). Deportista local de maior traxectoria. 6 veces campión de Europa, Campión mundial de clubs no 2015, 3 veces máximo goleador de España, 2 veces subcampión do mundo, 4 veces mellor xogador de Europa, Mellor xogador do mundo no 2003 e 2008, xogador da selección española, Sporting Braga, FC Barcelona, instrutor FIFA dende 2007 e actualmente seleccionador de China.
SANDRA GARCIA. Espírito de superación deportiva. Única muller na especialidade de autocross, tanto no Campionato de España como no de Galicia, na categoría de Carcross. Na actualidade, compite en autocross, ralimix (tramo mixto de terra e asfalto), ralisprint e rallies sobre terra.
José Manuel Mato. Dedicación e proxección do PONTECESO SD. Tras 16 anos como presidente e dous como vicepresidente logrou nos últimos catro xogar con xente da casa e investir o 60% nas categorías de base.
Suso da Torriña. Dedicación e proxección do CORME CF. Vén de ser galardoado pola Real Federación Galega de Fútbol tras máis de trinta anos dedicados o club do seu pobo traballando por e para os máis cativos/as. Loitador incansable dos dereitos do fútbol da costa.
Manuel Vidal. Alma Máter da A.C.D. Veteranos Ponteceso. Foi un dos fundadores da Liga de Veteranos. Xogador do equipo de veteranos de Ponteceso desde os seus inicios ata a súa recente retirada. Recoñecido e respectado en todos os campos da Costa.

Concello de Ponteceso