Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Feira Mariñeira Artesá de Corme reforza a súa aposta pola música galega con artistas coma Andrea Pousa, Festicultores e De Vacas

O escritor Suso Lista será o pregoeiro da terceira edición da feira organizada pola Concellaría de Turismo, que se celebrará do 27 ao 29 deste mes

Despois da multitudinaria Festa do Percebe, Corme volverá a converterse antes de que remate o mes na capital da programación festiva e cultural da Costa da Morte. Do 27 ao 29 de xullo celébrase a III Feira Mariñeira Artesá, un evento promovido desde a Concellaría de Turismo para poñer en valor a cultura galega a través de manifestacións tan variadas coma a artesanía, que será o principal ingrediente nas casetas de exposición e venda, coma na música, que encherá a Praza da Ribeira, pero tamén a maxia ou a literatura.

A III Feira Mariñeira Artesá será inaugurada o venres 27 ás 19.30 horas. Despois do acto oficial empezará a soar a música co grupo My Way, que estará en Corme durante as tres xornadas para animar as rúas. Esta primeira xornada terá como broche a actuación estelar de Andrea Pousa a partir das 23.00 horas. Despois de 15 anos sobre os escenarios, e de protagonizar o ano pasado unha interpretación maxistral do Himno Galego acompañada por unha orquestra sinfónica, o día 27 chega a Corme para presentar o seu primeiro disco en solitario, Respirar.

Tanto o sábado coma o domingo os postos de artesanía estarán abertos a partir das 11.00 horas e durante todo o día. O sábado pola mañá volveremos a ter pasarrúas, e ás 14.00 horas chegará outro dos grandes espectáculos da Feira Mariñeira Artesá con Festicultores, un dos grupos de música galega máis animados e divertidos do momento. Este ano contamos ademais cun pregoeiro de excepción, o escritor e actor cormelán Suso Lista, ao que teremos ocasión de escoitar tamén o sábado ás 22.45 horas. E despois, máis música na Praza da Ribeira con De Vacas e Adhara & Ritman.

A programación do domingo está pensada para un público familiar, polo que intensificamos as actividades para os nenos e nenas. Na sesión vermú das 14 horas contaremos con Xosé Lois & Aliboria, e a partir das 18.00 os máis pequenos poderán gozar con obradoiros infantís e co espectáculo do Mago Álex.

A concelleira de Turismo, Susana Toja, fai un convite tanto aos veciños e veciñas do noso concello coma ao resto da comarca e aos visitantes que se atopan nestas datas pola Costa da Morte para que aproveiten estes tres días de posta en valor da cultura galega e se acheguen a Corme a desfrutar coa artesanía, a música, a gastronomía, a paisaxe e as nosas praias con bandeira azul.

Concello de Ponteceso