Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Plan Único da Deputación contempla este ano obras no noso concello por importe de máis de un millón de euros

O presidente da Deputación fixo entrega en Corme dun novo camión para a recollida de lixo e supervisou as obras, practicamente rematadas, de dúas sendas peonís na rúa José de Tecelán e na Campara

O Plan Único da Deputación da Coruña destinou ao Concello de Ponteceso un total de 1.923.961,76 euros no bienio 2017-2018. Destes fondos, máis de 1 millón de euros serán destinados ao financiamento de obras no municipio.

Así o anunciou esta mañá o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante a visita institucional que realizou ao concello para facer entrega dun novo camión de lixo e supervisar as obras, xa practicamente rematadas, de dúas sendas peonís en Corme e na Campara.

Acompañado polo alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, e o deputado responsable da área de Cooperación cos Concellos, Xosé Regueira, González Formoso explicou que a través das baixas do POS+2017 e das asignacións contempladas no POS+2018, a Deputación financiará durante este ano un total de seis obras que suman 1.032.827 euros.

Entre estas obras, cuxos anuncios previos veñen de ser publicados polo Concello na Plataforma de Contratación do Estado, figuran a pavimentación da vía do Quente ata o límite municipal con Coristanco (226.557, 51 ?), a pavimentación do núcleo de Cores (112.952,87 ?), a mellora das rúas Cruceiro, Rúa Real e Hortas en Corme e Ponteceso (140.157, 51 ?), e pavimentacións de vías en Niñóns (239.547,60 ?), na vía de Ponteceso a Carballido (132,449 ?) e nas vías de acceso a Pazos-Sergude (178.162,60 ?).

González Formoso explicou o gran esforzo inversor que realiza a Deputación a través do Plan Único, cun orzamento de 182 millóns de euros en só dous anos nos 93 concellos da provincia, para mellorar as infraestruturas e contribuír ao saneamento das economías municipais.

"Trátase do maior investimento contemplado nun plan provincial na historia da Deputación", sinalou o presidente provincial, "pero ademais ofrece total transparencia no reparto de fondos e permite que sexan os propios concellos os que decidan cales son as súas prioridades á hora de investir os cartos que lles corresponden", sostivo.

Ampliación da ponte que une Ponteceso e Cabana
"No caso de Ponteceso imos investir máis de 1 millón en obras aprobadas pola corporación municipal", afirmou González Formoso, que lembrou que a este importe hai que sumarlle outras obras coma os os 159.315 euros investidos na creación de sendas peonís en A Campara e Corme ou os 667.824 euros que a Deputación prevé investir na ampliación da ponte de Xabarido sobre o río Anllóns, que une os concellos de Ponteceso e Cabana de Bergantiños, e cuxas obras serán licitadas próximamente, toda vez que xa está completado o proceso de expropiación dos terreos afectados polas obras.

O proxecto suporá a ampliación da plataforma da ponte, que pasará de 6 a 10 metros de ancho, e contará con beirarrúas de 1 metro en ambas marxes e un petril metálico de medio metro, o que contribuirá a mellorar notablemente a seguridade do tráfico rodado e peonil nun punto no que actualmente o estreitamento da calzada difícilmente permite a circulación de dous coches simultáneamente.

Entrega do novo camión do lixo e sendas peonís
Durante a visita desta mañá, o presidente provincial desprazouse ata Corme, onde fixo entrega ao alcalde dun novo camión de recollida de lixo financiado pola Deputación cun investimento cercano aos 132.000 euros e que, segundo confirmou o alcalde, entrará en servizo mañá.

González Formoso destacou a necesidade do vehículo nun concello con máis de 92 quilómetros cadrados de superficie. "Mellorará o servizo e servirá para aforrar os miles de euros que se viñan gastando en reparacións do anterior camión", afirmou o presidente provincial, que destacou ademáis que o novo vehículo e máis compacto, o que lle outorga mellor mobilidade en determinadas rúas estreitas do municipio onde o anterior tiña dificultades, e contamina 20 veces menos.

González Formoso, García Carballido e Regueira visitaron tamén en Corme as obras, xa prácticamente rematadas, das novas sendas peonís da rúa José de Tecelán e A Campara, nas que a Deputación investiu 159.315 euros e que contribirán a mellorar a seguridade peonil nestes núcleos.

Fundación Torre-Pujales
A xornada rematou cunha visita á sede da Fundación Torre-Pujales, cuxo céntrico inmoble vén de ser adxudicado en subasta ao Concello e que, polo tanto, pasará a ser de titularidade municipal. O alcalde destacou que se trata dunha boa oportunidade para crear un espazo cultural e de encontro para os veciños de Corme, que non contan actualmente con centro social na localidade.

Concello de Ponteceso