O día 12 celebrarase a XV Ruta Cicloturística de Corme
Sen dúbida, no Concello de Ponteceso sabemos como divertirnos e sacarlle o máximo proveito á temporada estival. Non hai máis que botar unha ollada á programación do Verán Cultural para comprobar que este ano no noso concello non hai tempo para o aburrimento nin para moito descanso. Se esta fin de semana despedimos o mes de xullo desde Corme coa celebración da III Feira Mariñeira Artesá, a próxima daremos a benvida a agosto coa organización dun dos eventos deportivos máis consolidados do noso municipio e no que poderán participar persoas de todas as idades e condición física.
Da man da Concellería de Deportes, La Voz de Galicia e Radio Voz, ademais doutras empresas colaboradoras, chega o
XXXVI Día da Bicicleta, unha xornada lúdica e de convivencia para toda a familia, promovendo hábitos de vida saudables e gozando ao mesmo tempo dunha actividade en contacto directo coa natureza. E para os/as que queden con ganas de máis, esta cita virá seguida doutra xa habitual no noso calendario, a
Ruta Cicloturística de Corme.A primeira ocasión para subir á bicicleta será o domingo 5, ás 11:00 horas. Como xa vén sendo habitual, o punto de partida será a Praza do Relleno de Ponteceso, onde se reunirán todas as persoas dispostas a pasar unha xornada de ocio, diversión e convivencia desfrutando dalgunhas das vistas máis fermosas do noso concello. Pero o día tamén lles deparará moitas máis sorpresas aos participantes co sorteo de obsequios e agasallos entre os inscritos/as.
E os/as que queden con ganas de pedalear, poderán facelo o domingo 12 na XV Ruta Cicloturística que se vai celebrar en Corme. A saída terá lugar, tamén ás 11:00 horas, da Praza da Ribeira para percorrer diferentes zonas desta vila mariñeira.
En ámbolos casos, as inscricións poderán realizarse a partir das 09:00 horas o mesmo día que se celebren as actividades. E se precisas máis información podes chamar ao número de
teléfono 981 971 719.
Desde a Concellería de Deportes facemos un chamamento a toda a cidadanía para participar en ambas actividades e desfrutar dunhas xornadas nas que diversión e deporte camiñarán xuntos a golpe de pedal. Agardámosvos!