Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Así foi a visita do helicóptero da Garda Civil a Ponteceso!

Máis de cincuenta nenos e nenas participaron nunha xornada de educación e sensibilización viaria que incluíu a presenza de motos, coches e un helicóptero do instituto armado

Esta mañá, o campo de fútbol de O Pinguel acolleu a uns visitantes moi especiais que non acostuman a pisar o céspede case nunca. Pasadas as 11:30 horas varias patrullas da Xefatura Provincial de Tráfico de A Coruña fixeron acto de presenza na instalación municipal para protagonizar unha xornada de convivencia e concienciación cidadá dirixida aos máis pequenos/as da localidade. E vaia se o lograron!

Ata alí desprazáronse máis de medio centenar de nenos e nenas dos campamentos de conciliación que se están a levar a cabo en Corme e Ponteceso, aos que se sumaron un grupo de cativos/as do municipio, acompañados polas súas familias, que non quixeron perder a oportunidade de achegarse á que é, sen lugar a dúbidas, unha das profesións preferidas dos peques da casa. Xunto a eles/as tamén estaba o alcalde Xosé Lois García Carballido e varios representantes municipais, ademais do técnico de Turismo, Javier Couto, encargado da coordinación do evento, e varios membros de Protección Civil.

A expectación era máxima. Nin o sol nin as altas temperaturas rexistradas hoxe puideron co entusiasmo e a emoción de coñecer de preto aos axentes da Garda Civil e, por suposto, de subir aos vehículos habilitados para a ocasión; dúas motos e dous todoterreo. Ademais de acender as luces e facer soar todas as sereas, os/as rapaces/as someteron a un arduo interrogatorio aos efectivos preguntando sobre cada botón que atopaban.

Entre os curiosos/as que se achegaron tamén estaba un aspirante a Garda Civil, Eloy Silvariño, de 19 anos de idade e natural de Baio, que, mentres agarda o seu ingreso na Escola de Oficiais de Zaragoza, quixo ir coñecendo xa funcionamento das unidades motorizadas.

Helicóptero
Pero o gran protagonista da mañá non chegou por terra, senón que o fixo por aire. Aproveitando os labores de vixilancia que estaba realizando na zona, o helicóptero da Garda Civil achegouse ata o Pinguel para compartir cos nenos/as unha experiencia única e, a bo seguro, inesquecible.

Divididos en varios grupos foron atendendo as explicacións dun dos pilotos sobre o funcionamento e os labores diarios que desenvolven. E como a curiosidade dos máis cativos/as non ten límites, a visita acabou por converterse nunha clase maxistral na que non faltou detalle, aínda que a pregunta máis repetida foi para saber ?se os malos tamén van detidos no avión?.

Concello de Ponteceso