Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Bicicletas clásicas, carrilanas, xogos populares... Prepárate para vivir as Festas da Barquiña máis tradicionais

O Melga, a Concellaría de Patrimonio e a Deputación colaboran para enriquecer o programa de festas, que se celebrarán do 7 ao 11 de setembro

O mes de setembro xa está á volta da esquina e con el a celebración das tradicionais Festas da Barquiña, que este ano volverán a encher Ponteceso de música, gastronomía, diversión e bo ambiente cunha ampla e variada programación para todos os públicos, que dará comezo o venres día 7 e prolongarase ata o martes 11. Ao igual que en anos anteriores, un dos pratos fortes desta edición chegará da man do Museo Etnolúdico de Galicia e a Fundación Ricardo Pérez y Verdes, que se encargarán da organización da V Baixada de Carretas, Carros e Carrilanas, a V Ruta de Bicicletas Clásicas e o I Festival de Xogos e Deportes Tradicionais Galegos, que tamén contará co patrocinio do Concello de Ponteceso, a través da Área de Patrimonio, e a Deputación da Coruña co obxectivo de promover a realización de actividades lúdicas e deportivas de carácter tradicional, que contribúan a enriquecer a cultura popular e manter vivos os nosos costumes.

As festas patronais, organizadas pola asociación Eventos de Ponteceso, coa colaboración do Concello, arrincarán o venres 7 coa celebración dunha churrascada veciñal amenizada polo dúo formado por Clara & Ana.

O sábado 8, a música volverá a ser unha das protagonistas da xornada da mañá á noite. A agrupación folclórica Os Farrapos de Cesullas será a encargada de animar as rúas da localidade durante a celebración da IV Ruta dos Pinchos ?PonteaPinchar?, que dará comezo ás 12:30 horas coa participación de numerosos establecementos de hostalería para poñer en valor o mellor da nosa gastronomía a través de exquisitos petiscos de sabor, innovación e creatividade.

Actividades lúdicas co Melga
Xa pola tarde chegará unha das citas máis agardadas polo público de todas as idades, a Baixada de Carretas, Carros e Carrilanas, que este ano acadará a súa quinta edición. A partir das 17:30 horas, a empinada costa do Campo da Feira volverá a converterse no escenario ideal dunha competición lúdica para desfrutar en familia, na que a diversión estará asegurada tanto para os/as participantes como para os/as espectadores/as. Cada competidor/a poderá participar nas tres modalidades debendo achegar en cada unha o seu propio vehículo, elaborado exclusivamente de madeira, e un casco. En caso de necesidade ou imprevistos de última hora, a organización disporá dalgúns vehículos para facilitar aos corredores/as.

Este ano, as probas de velocidade e resistencia estarán patrocinadas polo Concello de Ponteceso e a Deputación da Coruña, que porán a disposición dos organizadores toda a infraestrutura necesaria para o seu desenvolvemento así como os trofeos para os vencedores/as. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse antes do venres 7, ás 14:00 horas, no Melga Centro Cultural (981 715 442), no Concello (981 714 400) ou ben enviando un mail a ricardoperezyverdes@gmail.com.

A xornada festiva rematará con Fénix&Discoteca Móbil Impacto e varios dj?s locais que ofrecerán un espectáculo musical con moito ritmo.

O domingo 9, os/as amantes dos coches e as motos clásicas estarán de parabéns porque desde as 10:00 horas terán ocasión de ver auténticas ?xoias? do pasado sobre o asfalto durante a celebración do VIII Ponteclásico.

Pero se en vez de ver hai quen prefira participar, ás 11:30 horas arrincará do Melga a V Ruta de Bicicletas Clásicas Ponteceso, na que se congregarán algúns dos exemplares máis antigos e orixinais da contorna para realizar un fermoso percorrido polas localidades de Trabe, Tella, Ponteceso, o Malecón, a Barra, o Couto, o Agra e regreso ao museo con parada para repoñer folgos e saborear algúns dos nosos produtos máis exquisitos. O único requisito para formar parte desta curiosa e fermosa iniciativa, para a que é necesaria inscrición previa no Melga ou no Concello, é acudir con bicicleta e vestimenta de época.

Tras a misa solemne, que terá lugar ás 13:00 horas, a agrupación Inllar ofrecerá unha actuación de música tradicional coa que tamén animará as rúas do municipio os días 9, 10 e 11. A continuación, o grupo Channel amenizará a sesión vermú cun repertorio que continuará, xa pola noite, durante a verbena. A partir das 18:30 horas, será a cita co deporte no III Torneo Kickboxing Terras de Pondal, un auténtico espectáculo de forza, técnica e precisión.

Día do Neno
Os pequenos/as da casa serán os protagonistas da xornada do luns coa celebración do Día do Neno. A partir das 17:30 horas haberá actividades infantís no río, festa da espuma e o I Festival de Xogos e Deportes Tradicionais, organizado polo Melga en colaboración coa comisión de festas, a Área de Patrimonio e a Deputación da Coruña, que fará as delicias de nenos/as e maiores, de 1 a 100 anos de idade, e no que poderá participar toda a familia a través dunha chea de xogos cooperativos. Unha viaxe ao pasado na que diversión e aprendizaxe están presentes a partes iguais.

Na recta final das Festas da Barquiña as actuacións musicais seguirán marcando o compás con espectáculos en directo. O luns, despois da misa cantada pola Coral Polifónica Santa Mariña de Ponteceso, haberá sesión vermú coa orquestra Nueva Fuerza, que tamén actuará na verbena. E o martes, o broche de ouro a cinco días intensos de celebracións porao o Dúo Diamante cunha sesión ?supervermú?, que terá lugar ao remate da misa de unha e deixaranos con bo sabor de boca ata o ano que vén.

Concello de Ponteceso