Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O 15 de setembro celebramos a 3ª ruta nocturna polos petróglifos do promontorio de Corme

A Concellaría de Patrimonio conta coa colaboración do colectivo A Rula, dedicado ao coñecemento e difusión da arte rupestre, para a posta en valor do patrimonio local

Despois do éxito das anteriores, o vindeiro día 15 celebraremos a 3ª ruta nocturna polos petróglifos do promontorio de Corme, unha iniciativa máis da Concellaría de Patrimonio para poñer en valor o noso rico patrimonio. Na organización da iniciativa colabora o colectivo A Rula, dedicado ao coñecemento, a difusión e a protección da arte rupestre.

As persoas interesadas xa poden anotarse chamando ao 981 715 442 ou enviando un correo electrónico ao enderezo carlos.penedo@ponteceso.gal. Hai 60 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición.

Os/as participantes reuniranse o día 15, ás 21.30 horas, no local social de San Adrián de Corme para iniciar un percorrido por unha das zonas máis ricas de Galicia en gravados rupestres. O Petón da Campaíña, A Regadiña, e a área da Feiteira-Meixoeiro, na que se atopa a maior concentración da Costa da Morte, con 15 paneis, serán os principais puntos de interese, nos que poderemos observar gravados prehistóricos, medievais e modernos cunha tipoloxía ?pouco común dentro do Grupo Galaico da Arte Rupestre e únicos na Costa da Morte?, tal como sinala o colectivo A Rula.

O concelleiro de Patrimonio, Carlos Penedo, convida a todas as persoas interesadas no patrimonio, a historia e a arte a coñecer os petróglifos do promontorio de Corme nunha ruta nocturna única.

Concello de Ponteceso