Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Homenaxe popular a Carmen e Francisco Mantiñán González, dous nenos de Corme mortos no bombardeo de Guernica

A corporación municipal aprobou hoxe, coa abstención do PP, a proposta para que o parque infantil de Corme leve os seus nomes

A cifra non está pechada, e podería ser un pouco maior, pero de momento hai constancia de que na guerra civil española, entre a fronte de batalla e os asasinatos na retagarda, morreron 38 persoas que naceron ou vivían en Corme naqueles anos. Entre as vítimas figuran dous nenos, os irmáns Carmen e Francisco Mantiñán González, de 9 e 7 anos de idade.

Na lembranza das vítimas da guerra e dos irmáns Carmen e Francisco, o Concello de Ponteceso organizou un acto de homenaxe que se celebrará este sábado 22 de setembro, ás 7 da tarde, no parque infantil sito no Barrio dos Remedios de Corme. No acto descubrirase unha placa que dará a este parque o nome dos dous nenos mortos no bombardeo de Guernica no ano 1937.

Ao acto asistirá o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, acompañado por membros da corporación municipal, que hoxe mesmo aprobou, coa única abstención do PP, a celebración desta homenaxe popular.

Desde o País Vasco desprazarase ata Corme unha numerosa representación da familia dos nenos asasinados, composta polos seus tres irmáns, Angel, Carmen e Teresa, e un número importante de fillos e netos deles. Deste grupo cabe destacar ao de maior idade, Angel Mantiñán González, que está a piques de cumprir 86 anos. Angel, veciño de San Sebastián na actualidade, convivíu cos dous irmáns ata o seu triste falecemento.

O acto de homenaxe ás víctimas da guerra contará coa participación da Banda de Música Eduardo Pondal.

Concello de Ponteceso