Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Corme celebra a Festa dos Remedios con música, xogos tradicionais e unha espectacular noite de Fin de Ano

O luns 24, a Concellaría de Política Lingüística, a Fundación Ricardo Pérez y Verdes e o Melga ofrecerannos na Praza da Ribeira o I Festival de xogos e deportes tradicionais galegos

Esta fin de semana rematará oficialmente o verán pero no noso concello seguimos de celebración porque do sábado 22 ao luns 24 a vila de Corme acolle un dos eventos festivos máis agardados da tempada: a Festa dos Remedios. Tres días de música e moita animación cun cartel de luxo no que a gran protagonista será a esperada Festa de Fin de Ano, que acadará xa a súa 16ª edición. Despois do éxito do Entroido de Verán, celebrado no mes de agosto durante as Festas de San Roque, agora toca despedir a temporada estival por todo o alto, con uvas e cotillón incluídos.

Desde o Concello de Ponteceso tamén queremos sumarnos á festa coa organización do l Festival de Xogos e Deportes Tradicionais Galegos, que nos achega a Concellería de Política Lingüística, a Fundación Ricardo Pérez y Verdes e o Museo Etnolúdico de Galicia, co obxectivo de contribuír a enriquecer o programa elaborado pola comisión de festas de Corme.

Programa
A música da orquestra Galilea será a encargada de inaugurar a programación o vindeiro sábado cunha sesión vermú que dará comezo ás 14.30 horas. Xa pola noite, a partir das 23:00 horas, volverán subir ao escenario da Praza da Ribeira para actuar xunto ao grupo Triunfo nunha verbena que dará paso á espectacular Festa de Fin de Ano, na que non faltaran nin as uvas, nin o cotillón nin as roupas de gala dos asistentes, que, na súa maioría e como manda a tradición, acudirán cos seus mellores traxes. Desde as 20 horas, a ronda estará animada polo grupo Os Farrapos de Cesullas.

E ao día seguinte a sesión vermú será dobre! Ás 12:00 horas celebrarse a primeira na Praza do Pan, como antano, co dúo Defesta como protagonista mentres que ás 14:30 horas será a orquestra La Favorita a que encha de ritmo a Praza da Ribeira, a onde volverá a partir das 22:30 horas para contaxiar coas súas cancións ao público alí congregado.

Na última xornada festiva a música tamén volverá a estar presente da mañá á noite. A Banda de Música de Corme arrincará os primeiros compases da xornada cun pasarrúas que dará comezo ás 10:30 horas. A Coral Brisas do Mar de Corme será a encargada de cantar na misa solemne, que se oficiará ás 13:00 horas, en honor á Virxe do Remedios e, pola súa banda, a sesión vermú e a verbena correrán a cargo da orquestra La Ocaband.

Pero o día 24, ademais dun amplo abano musical, haberá tarde de xogos, aprendizaxe e diversión para toda a familia durante a celebración do I Festival de Xogos e Deportes Tradicionais Galegos que se realizará a partir das 17:30 horas na Praza da Ribeira. Agardámosvos!

Concello de Ponteceso