Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Concellaría de Servizos Sociais retoma os Domingos de Baile con música en directo todas as semanas

Este domingo, 22 de setembro, contaremos coa actuación de J. Santanta, ex-cantante dos Players, na sesión que se celebrará no edificio das escolas de Ponteceso

Despois do parón do verán, na Concellería de Servizos Sociais retomamos os Domingos de Baile para que os nosos veciños e veciñas poidan gozar dunha das actividades con mellor acollida entre os maiores con música en vivo e en directo.

Deste xeito, desde o departamento que dirixe Isabel Vuelta pretendemos encher de festa e bo ambiente as tardes dos domingos para incrementar, por unha banda, a oferta municipal de ocio e lecer dos nosos maiores e, pola outra, promover novos hábitos de vida, máis activos e saudables, para combater o estres, a depresión ou o sedentarismo, ademais de achegar á veciñanza un novo punto de encontro e convivencia social.

Así, a partir deste domingo 23 a festa e a diversión volverán a estar aseguradas con novas actuacións en directo e unha morea de grupos musicais dispostos a encher cos seus temas o salón do Edificio das Escolas de Ponteceso e o Fogar do Pensionista da Casa do Mar de Corme, onde a actividade se celebrará o último domingo de cada mes. En ámbolos casos, o horario será de 18:30 a 21:30.

Para poder participar será imprescindible ter moitas ganas de pasalo ben e deixarse levar polo ritmo de estilos tan variados como o pasodobre, o tango ou os boleros. Para os/as máis atrevidos/as tampouco faltarán os sons ?salseiros? da bachata, a cumbia e o chachachá. E aos que non lle guste tanto movemento, poderán gozar dunha relaxada tarde entre xogos de mesa e conversas con amigos/as e veciños/as. Todo vale para desfrutar sen preocupacións dunhas xornadas lúdicas e recreativas ao gusto de todos/as.

Próximas citas
A primeira cita cos Domingos de baile terá lugar esta mesma semana no edificio das escolas de Ponteceso con J. Santana, ex-líder dos Players e unha das mellores voces do panorama musical español da década dos 70. Quen non bailou algunha vez ao son de Carolina? Este domingo, todos os asistentes terán a oportunidade de volver a facelo e rememorar algúns dos seus éxitos máis soados.

A música e o baile continuarán o domingo 30 no Fogar do Pensionista de Corme coa actuación dun grupo xa asiduo na nosa programación, o Dúo Manu e Alberto Madaira, ex-cantante dos Bardos.

Esta temporada os Domingos de baile volven con moita diversión para que todos e todas o pasedes en grande. Así que tomade boa nota e permanecede atentos ás vindeiras citas. Vémonos na pista de baile!

Concello de Ponteceso