Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Silvia Penide e César de Centi protagonizarán o venres 5 un canta-contos promovido pola Área de Biblioteca

O espectáculo, que será de balde, celebrarase a partir das 18:30 na biblioteca do Centro Cultural dentro do programa Ler conta moito

O programa Ler conta moito regresará esta semana á biblioteca do Centro Cultural de Ponteceso cunha nova actividade de animación á lectura promovida pola Área de Biblioteca que dirixe Carlos Penedo Casmartiño.

Tras a excelente acollida que tivo hai uns días o primeiro contacontos da temporada, protagonizado pola gran Lilí Gruyére, o venres 5 será a quenda de Silvia Penide e César de Centi, dous músicos galegos que nos achegarán A Viaxe da palabra que non era valente, un espectáculo cheo de música e animación cunha incrible posta en escena que combina temas de cantautores coñecidos como Toquinho, Luis Emilio Batallán ou Pedro Guerra, cunha narración sobre a importancia do diálogo e da linguaxe como valor fundamental da educación emocional. Será a partir das 18:30 horas.

Nesta ocasión, Silvia Penide e César de Centi, voz e guitarra, unirán as súas forzas e talento para sorprender aos máis cativos/as e ás súas familias cun conto cantado no que cada palabra parecerá un tesouro. O espectáculo, de aproximadamente 45 minutos de duración, está recomendado para nenos e nenas con idades comprendidas entre 4 e 12 anos de idade, aos que tamén poderán sumarse as súas familias. Será de balde! Quedades todos/as convidados/as.

Concello de Ponteceso