Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Ponteceso inaugura este sábado 3 as Xornadas TIC Forestais cunha sesión formativa dirixida a profesionais do sector e público en xeral

As asociacións Asefoga e Ódega son as impulsoras do taller, que se desenvolverá la aula de informática da Casa da Cultura coa colaboración do Concello

Aplicar as novas tecnoloxías da información ao sector forestal e á mobilización da madeira é o principal obxectivo das xornadas de divulgación, organizadas polas asociacións Asefoga e Ódega, que arrincarán o vindeiro sábado 3 no noso municipio. Esta acción formativa, que conta ademais coa colaboración do Concello de Ponteceso, a través da Concellaría de Medios Produtivos, que dirixe Susana Toja, será a primeira de dez sesións teórico-prácticas que percorrerán diferentes localidades da xeografía galega.

O taller, que se desenvolverá de balde na aula de informática da Biblioteca Municipal en horario de mañá e tarde, está dirixido ao público en xeral aínda que terán preferencia os propietarios forestais e as comunidades de montes de Galicia. Ademais, está especialmente indicado para profesionais da industria da madeira, técnicos, académicos, estudantes e traballadores/as do sector público forestal.

Programa
De 9:30 a 13:30 e de 16:00 a 19:30 horas, os/as asistentes terán a oportunidade de descubrir como as novas tecnoloxías poden incidir nunha maior optimización dos recursos da madeira e da biomasa forestal, entre outros. Para elo empregarase unha metodoloxía práctica, con exemplos de uso das plataformas actuais e casos concretos, que axude a coñecer de primeira man todas as ferramentas dispoñibles para mellorar a xestión das súas propiedades, empresas e/ou proxectos, aprendendo a reducir costes e obter máis beneficios. Así, pola mañá, traballarase coas plataformas Wuudis, Iforest e Saxmel e, pola tarde, será a quenda de SmartWood e Maderea.

Unha das aplicacións máis novidosas que se amosarán será a captura de datos a partir de satélites e uso de drons. Así mesmo, mediante unha pantalla dixital, os e as participantes poderán aprender o manexo das últimas ferramentas TIC e comprobar como se están aplicando noutras rexións e países para mellorar a mobilización da madeira e os novos produtos relacionados e cales son as vantaxes que ofrecen.

Todas as persoas que desexen formar parte desta acción formativa deberán inscribirse previamente enviando un mail a info@xornadasticforestais.com. Debido ao aforo da sala, as prazas dispoñibles serán limitadas. Unha vez rematado o curso, os alumnos e alumnas recibirán un diploma de asistencia que acreditará os seus coñecementos en novas tecnoloxías aplicadas ao sector forestal.

Desde o Concello de Ponteceso animamos a todos os veciños e veciñas que estean vinculados/as directamente co sector a participar nesta xornada co fin de aprender a xestionar de maneira áxil e eficaz os nosos importantes recursos forestais.

Ligazóns recomendadas


Concello de Ponteceso