Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Área de Normalización Lingüística e a Asociación de Empresarios lanzan unha nova campaña de promoción lingüística e comercial

A iniciativa inclúe o reparto de bolsas de papel e adhesivos entre os comerciantes locais para promover o uso do galego tanto na súa publicidade como na atención ao cliente

Co obxectivo de fomentar o galego e promover o seu uso máis alá do ámbito cultural e educativo, o Servizo de Normalización Lingüística e a asociación de Empresarios de Ponteceso unen as súas forzas para achegar a nosa lingua ao comercio de proximidade e contribuír á promoción do sector na época de maior consumo do ano pola proximidade do Nadal.

Así, o departamento que dirixe Carlos Penedo Casmartiño vén de anunciar a posta en marcha dunha campaña de promoción lingüística, dirixida ao comercio local, coa intención de implicar tamén aos propietarios/as dos establecementos na utilización e difusión do noso idioma e conciencialos/as sobre as vantaxes do seu uso tanto na publicidade dos seus locais como na atención directa aos clientes. Neste sentido, o titular da área subliñou que ?a normalización do idioma pasa por empregalo a diario nos ámbitos máis cotiás, como é o caso do comercio de proximidade?.

Proximamente, o departamento de Normalización repartirá entre os comerciantes locais un lote de produtos editados en galego, no que se incluirán bolsas de papel co lema Merca no comercio local. Merca en Ponteceso e adhesivos para decorar agasallos con diferentes mensaxes de parabéns.

Ao igual que en ocasións anteriores, a campaña estenderase polos establecementos de diferentes sectores como tendas de roupa, complementos, zapaterías, librerías, comercios de artigos de pesca, xoiarías, teas, ópticas, para-farmacias e comercios destinados á venda do pequeno electrodoméstico.

Concello de Ponteceso