Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Os Domingos de Baile regresan esta semana coa actuación do Dúo Azabache e roscón con chocolate para celebrar o día de Reis

Melchor e Lupe e o Dúo Marineda amenizarán o resto dos bailes programados pola Concellería de Servizos Sociais para este mes en Ponteceso e Corme

Queres empezar o 2019 con ritmo e bo ambiente? Entre os novos propósitos para este ano figuran hábitos de vida máis saudables? Gustaríache facer novos amigos/as? Na Concellería de Servizos Sociais temos resposta a todas estas preguntas. E nunha soa actividade! Porque, despois do breve parón do Nadal, volven os Domingos de baile a Ponteceso e Corme para encher o mes, e o ano, de música e diversión de principio a fin. Para elo, contaremos coas actuacións en vivo e en directo dos mellores dúos musicais do momento coa intención de ofrecer aos nosos veciños e veciñas unha alternativa amena e entretida para o seu tempo de ocio e lecer, promovendo ademais novos hábitos de vida, máis activos e saudables, cos que poderán combater o estrés, a depresión ou o sedentarismo.

A primeira cita terá lugar esta mesma semana para celebrar xuntos a chegada de Melchor, Gaspar e Baltasar. O domingo 6 será o Dúo Azabache e Michael (ex-cantante da orquestra Filadelfia e Foliada) o encargado de subir ao escenario do Edificio das Escolas de Ponteceso para arrincar os primeiros compases do ano e, por suposto, os primeiros bailes. Ademais, con motivo do Día de Reis, o departamento de Isabel Vuelta convidará a todos os asistentes a chocolate e roscón.

Melchor e Lupe, ex-compoñente dos Satélites, tamén se achegarán ata o noso municipio para facernos desfrutar coa súa música en vivo e en directo. Será o domingo 13 en Ponteceso e o día 27 no Fogar do Pensionista de Corme. Outro dos duetos con máis sona do panorama actual e gran coñecido pola nosa veciñanza é o Dúo Marineda, con Ana Cristina e Suso Botana (ex-cantantes de Los Trovadores), que actuará no Edificio das Escolas o día 20.

Este ano non quedes na casa! Anímate e participa nos Domingos de baile. De 18:00 a 21:00 horas, nós poñemos a música e ti, a compañía. Non faltes!

Concello de Ponteceso