Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

As IV Xornadas de Xénero chegan ao seu ecuador coa visita da escritora mallorquina Roser Amills ao IES Eduardo Pondal

O acto, organizado pola Área de Biblioteca, terá lugar o venres 15, ás 13:00 horas, e consistirá nunha charla titulada ?Vitaminas para adolescentes?

A programación das IV Xornadas de Xénero, organizadas pola Área de Biblioteca de Ponteceso, chega ao seu ecuador cunha convidada de luxo: a escritora e xornalista Roser Amills, que o venres 15 visitará o noso concello para impartir unha charla no IES Eduardo Pondal que levará por título ?Vitaminas para adolescentes: claves para ser o mellor home e a mellor muller que podemos ser?. O acto, que dará comezo ás 13:00 horas, consistirá nun relatorio ameno e informal co que se pretende promover a participación de todo o alumnado.

A liberdade de elección, o espírito crítico, a convivencia entre iguais, a tolerancia e o respecto serán algúns dos temas que abordará a autora mallorquina afincada en Barcelona durante o encontro estudantil no que, ademais, desvelará as claves para converterse en homes e mulleres empoderados. Tampouco faltarán algúns dos referentes femininos máis importantes da historia e o legado que eses grandes nomes deixaron nas mulleres actuais. Para finalizar, abrirase unha quenda de conclusións con anécdotas e curiosidades que exemplificarán á perfección o contido da charla.

Roser Amills
Ademais da súa faceta como xornalista e escritora, vocación que descubriu con tan só sete anos, Roser Amills conta cunha ampla traxectoria profesional nos principais grupos editoriais do país así como en radio, televisión e plataformas on line. De feito, no seu palmarés destaca o Micrófono de Prata de Informadores 2014, concedido pola Asociación Profesional Española de Informadores de Prensa, Radio, Televisión e Internet (APEI-PRTVI) como profesional destacada do ano.

Ademais de contar con numerosos premios e recoñecementos, Amills leva publicado máis de 20 títulos literarios entre ensaios, poesía e novela, traducidos xa a máis de seis idiomas. Entre outras obras destacan o seu último traballo ?Asja? (2017), ?La bachillera? (2016), ?El ecuador de Ulises? (2015) ou ?Sé buena? (2014).

Presentación literaria
A estancia de Roser Amills en Ponteceso prolongarase ata o sábado 16 con motivo da presentación literaria da súa última novela "Asja: amor de dirección única", que terá lugar ás 13:00 horas na libraría A Tenda dos Libros.

No acto, aberto á participación de toda a veciñanza, a escritora achegaranos á figura de Asja Lacis, directora de teatro e actriz letona convertida en protagonista deste interesante libro co que pretende recuperar a historia perdida dunha muller descoñecida para o gran público máis alá do seu romance co filosófo Walter Benjamin. Ademais de pensadora de alto nivel e bolchevique convencida, Asja foi unha sobrevivinte dos ?gulags? rusos, onde estivo interna dez anos logo de ser detida polo KGB.

Concello de Ponteceso