Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso organiza un taller de formación básica e xestión informática para mulleres en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, Fundación Mujeres e Google.org

O luns 3 de xuño tamén dará comezo o curso de prevención de riscos laborais en albanelería promovido, por primeira vez na Costa da Morte, pola Fundación Laboral da Construción

A través da Área de Promoción Económica, o Concello de Ponteceso porá en marcha, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, Fundación Mujeres e Google.org, un taller de formación básica e xestión informática, dirixido ás mulleres do noso municipio para facilitar e potenciar a súa participación, empregabilidade e emprendemento co obxectivo de promover a inserción social e laboral deste colectivo, especialmente no ámbito rural.

Esta novidosa acción formativa, que será gratuíta e aberta á participación de mulleres de calquera idade, consistirá na realización de diversos talleres TIC, especializados na adquisición de competencias dixitais e o uso de ferramentas tecnolóxicas. Os obradoiros, que terán unha duración de seis horas, desenvolveranse os días 20 e 21 de xuño en horario de 9.30 a 12.30 horas e de 16.30 a 19.30 horas na aula de informática do Centro Cultural de Ponteceso.

As persoas interesadas en participar poderán inscribirse e obter máis información chamando ao 981 715 442.

Desde o Concello de Ponteceso convídase a todas as mulleres que o desexen a participar nesta interesante actividade e introducirse no apaixonante mundo das TICs para mellorar así as súas oportunidades laborais e o seu desenvolvemento social. Ademais, o alcalde Lois García Carballido subliñou ?a importancia de contar por primeira vez no noso concello cun curso destas características, tanto pola temática que abarca como polas entidades organizadoras, entre as que se atopa Google.org, unha empresa de recoñecida sona internacional e con presencia en todo o mundo?.

Prevención de riscos laborais en albanelería
Esta acción formativa non será a única que se desenvolva no noso municipio no mes de xuño. De feito, a vindeira semana dará comezo outra dirixida ao sector da construción. Do luns 3 ao luns 17, ambos incluídos, a Biblioteca Municipal de Ponteceso acollerá, de 8.30 a 14.30 horas, o curso de nivel básico de prevención de riscos laborais en albanelería, organizado pola Fundación Laboral da Construción de Galicia en colaboración co departamento municipal de Promoción Económica. Esta será a primeira vez que a entidade autonómica realice un obradoiro destas características na Costa da Morte.

Concello de Ponteceso