Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Volven as marchas nocturnas a pé para gozar da natureza e das noites de verán

A primeira será o xoves 4 de xullo. As persoas interesadas en participar poden inscribirse chamando ao Concello de Ponteceso ou á Oficina Municipal de Corme e tamén no lugar de saída da ruta ata as 21:45 horas

Vai preparando xa a lanterna e o chaleco reflectante porque esta semana volven as Marchas nocturnas a pé, que organiza a Área de Turismo do Concello de Ponteceso dentro da programación do Verán Cultural.

Se che gusta camiñar e gozar ao aire libre das relaxantes noites do verán, mañá, xoves 4, ás 22:00 horas, tes unha cita coa primeira andaina do mes de xullo, que terá como destino o núcleo urbano de Ponteceso.

A Praza do Relleno será o punto de saída e chegada dun percorrido de seis quilómetros e dificultade baixa, apto para toda a familia. Os menores de idade que desexen forma parte desta divertida e inesquecible experiencia deberán acudir acompañados dun adulto e coa correspondente autorización.
O mes de xullo deixaranos ademais outras interesantes rutas.

O xoves 11 terá lugar unha expedición nocturna por Corme Porto, con saída/chegada da Praza da Ribeira, e o día 18 será a quenda da parroquia de Pazos. Neste caso, os/as sendeiristas partirán da Praza, onde tamén está prevista a chegada arredor das 00:30 horas.

As Marchas Nocturnas a pé continuarán a súa andaina no mes de agosto cunha ruta programada para o día 1 por Brantuas-A Campara, con saída e chegada da Casa do Pobo; outra para o xoves 8 pola parroquia de Langueirón, que arrincará da pista polideportiva, e a última o día 22 cunha visita por Corme Aldea, que terá como punto de saída e chegada o local social. Todas, de 6 quilómetros de percorrido e dificultade baixa, darán comezo ás 22 horas.

As persoas interesadas en participar en calquera das rutas incluídas neste programa poden anotarse no Concello de Ponteceso chamando ao teléfono 981 714 000 ou na Oficina Municipal de Corme, a través do número 981 738 428. Os máis retardados/as terán unha última oportunidade de inscrición no mesmo lugar da saída ata 15 minutos antes de que dea comezo a ruta. A participación é libre e de balde.

A que agardas? Ven vivir a noite con nós!


Descargas asociadas


Concello de Ponteceso