Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A campaña educativa sobre prevención e xestión de residuos ?Repara en...? chegará este sábado á praia de Balarés

A iniciativa, promovida pola Consellería de Medio Ambiente, consistirá na exposición de paneis informativos e actividades para a rapazada que se desenvolverán de 15 a 19 horas

A campaña educativa itinerante sobre prevención e xestión de residuos municipais ?Repara en...?, promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, chegará o sábado 13 de xullo ao noso concello co obxectivo de fomentar entre a poboación a prevención de residuos alimentarios, potenciar a compostaxe e mellorar a recollida selectiva e a separación para favorecer a reciclaxe.

Dado que nos atopamos en plena temporada estival, o lugar elixido para a posta en marcha desta xornada de sensibilización medioambiental é a praia de Balarés, un enclave turístico que nestas datas rexistra unha gran afluencia de bañistas e veraneantes que o converten no destino ideal para acadar unha maior difusión entre a cidadanía.

Esta acción, co-financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural, levarase a cabo entre as 15:00 e as 19:00 horas, consistirá na exposición de seis paneis informativos sobre xestión de residuos municipais, prevención e preparación para a reutilización, desperdicio alimentario, compostaxe, recollida selectiva e economía circular. Ademais, ao longo da tarde desenvolveranse diversas actividades dinámicas para rapazada con xogos ou obradoiros realizados por un educador ambiental.

Desde o goberno municipal anímase a toda a veciñanza a achegarse ata ao areal e participar nesta novidosa acción, que está a percorrer desde o pasado mes de xuño os diferentes concellos galegos para informar e concienciar sobre a correcta xestión dos residuos domésticos e a prevención do desperdicio alimentario. Cambiar pequenos hábitos e comportamentos diarios como a aposta polo consumo local, os produtos de tempada e o uso de envases retornables son algunhas das cuestións que se abordarán ao longo da xornada. Así que, entre mergullo e mergullo, non esquezas pasar polo stand informativo.

Protexer o medio ambiente é responsabilidade de todos/as!

Concello de Ponteceso