Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso colabora coa Cámara de Comercio da Coruña na organización de cursos sobre busca de emprego e xestión comercial para mozos/as

As persoas interesadas en participar deberán ser menores de 30 anos e estar inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil

O mes de setembro chegará cargado de novidades para os mozos e mozas menores de 30 anos que estean interesados/as en obter unha formación cualificada para mellorar a súa accesibilidade ao mercado laboral. A Cámara de Comercio da Coruña porá en marcha, coa colaboración do Concello de Ponteceso, dúas accións formativas incluídas no Plan Integral de Cualificación e Emprego (PICE), enmarcado no programa de Garantía Xuvenil e co-financiado polo Fondo Social Europeo, o Ministerio de Empleo y Seguridad Social e as Cámaras de Comercio.

Os cursos, que se impartirán do 18 de setembro ao 20 de novembro, estarán divididos en dúas partes. A primeira consistirá nunha formación global orientada á busca de emprego mentres que o segundo será máis específico e estará destinado á xestión comercial para pequenos establecementos de hostalaría e turismo.

Para participar, os/as aspirantes deberán estar inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

A primeira acción formativa levarase a cabo do 18 de setembro ao 9 de outubro baixo o título ?Empregabilidade para a busca de emprego?. A finalidade desta actividade, de 65 horas de duración, non é outra que a de dar resposta ás necesidades da mocidade á hora de buscar un traballo, poñendo ao seu alcance os coñecementos e recursos necesarios para incrementar as súas oportunidades laborais. Para elo impartiranse materias relacionadas coas habilidades sociais, persoais e de emprego así como o uso e manexo de internet como ferramenta de busca.

Os alumnos que superen todas as probas e teñan unha asistencia do 75% recibirán un diploma acreditativo e poderán participar no segundo módulo deste programa formativo. As prazas serán limitadas e deberá haber un mínimo de 10 alumnos para a súa realización. Así mesmo, as empresas tamén poderán beneficiarse desta iniciativa, recibindo unha importante subvención ao contratar ao alumnado por un período superior a 6 meses.

Curso de xestión comercial
A segunda acción formativa do PICE terá lugar do 10 de outubro ao 20 de novembro e consistirá nu curso de ?Xestión comercial para pequenos establecementos de hostalaría e turismo. E-Commerce?, de 120 horas de duración, orientado a formar a persoas interesadas en traballar cara o público en supermercados, tendas ou establecementos turísticos e/ou hostaleiros.

Ao remate, os participantes obterán o certificado de formación en hixiene alimentaria e o diploma de comercio electrónico.

En ámbolos casos, as clases levaranse a cabo na Casa da Cultura de Ponteceso, de luns a xoves en horario de 09:30 a 14:30.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse canto antes na Cámara de Comercio da Coruña (María, Arantza) de 09:00 a 14:00 horas, chamando ao teléfono 981 216 072 (sede) ou 981 918 135 (centro de formación) e/ou a través do enderezo electrónico: formacion@camaracoruna.com. Para máis información tamén poderán dirixirse á Casa da Cultura do Concello de Ponteceso (981 715 442).

Concello de Ponteceso