Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A escritora e xornalista Claudia Castro presentará este sábado no MACMO o seu último libro, ?Galicia, o país das marabillas?

O Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte estará aberto ao público o mesmo día a partir das 17.00 horas

O Museo de Arte Contemporánea Costa da Morte (MACMO) está concibido como motor cultural e como apoio da sociedade civil á creación e ao debate na Costa da Morte. Exposicións permanentes, temporais e itinerantes, concertos, conferencias, talleres, bolsas de formación, encontros culturais, revalorización da artesanía da zona e conseguir un turismo de calidade e permanente conformarían un abano programático para esta casa das artes. O centro contén obras de Saura, Arroyo, Antoni Clavé, Lucio Muñoz, Daubresse, Laxeiro, Abelenda ou Colmeiro... xunto con obras de novos artistas usuarios das bolsas de residencia que o MACMO e que emerxen en distintas partes de Europa, Estados Unidos ou Arxentina a cambio de que deixen a súa pegada en forma de creación, como por exemplo Julián Casado, David Lechuga, Paco LLorente ou Uschi Birger-Precht.

Claudia Castro é escritora e xornalista e está ligada emocionalmente a Corme onde ten unha casa nun barrio ao que mesmo lle dedicou un poema: o Gafote.
Gañadora de varios premios literarios, é o complemento perfecto para o marabilloso patrimonio artístico que contén o museo. Títulos seus son "Adagio para unha viaxe silente" ou "Ser, corazón e boca". Agora acaba de estrear libro coa Editorial Galaxia co título "Galicia, o país das marabillas", un percorrido por Galicia moi divertido e vaino presentar no MACMO o sábado 2 de novembro, ás 19.00 h. Claudia Castro vai estar acompañada por Suso Lista e por Diana Varela. Entre os tres farán que o acto sexa inesquecible.

A concelleira de Cultura, Ana Pérez, engade que ese mesmo día, xa dende as 17.00 horas, o Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte estará aberto para que todas as persoas que o desexen poidan visitalo e coñecer o seu patrimonio artístico.

Concello de Ponteceso