ponteceso turismo

Turismo :: Xeografía e clima

Xeografía e clima

Enseada da Insua

O Concello coruñés de Ponteceso está situado no extremo máis oriental da Costa da Morte. Pertence á provincia da Coruña e forma parte da comarca de Bergantiños, e da diócese de Santiago de Compostela. Presenta unha extraordinaria beleza a conxunción de mar, montaña e riqueza fluvial, cunha suave climatoloxía que, xunto á riqueza do seu patrimonio histórico, artístico e cultural, así como a beleza da súa flora e fauna, o converte nun sitio ideal de vacacións con atractivos para todos os gustos posibles.


A extensión municipal é de 91,78 km2. Limita polo norte e polo oeste co océano Atlántico, polo sur co concello de Cabana de Bergantiños e co concello de Coristanco e polo leste co concello de Carballo e co concello de Malpica de Bergantiños.

É un concello alongado de oeste a leste, de grande diversidade morfolóxica e cunhas formas de relevo que se caracterizan por ser o máis accidentado da comarca e adquire, ás veces, o aspecto de terra de montaña, a pesar da escasa altitude dos seus montes, que só ocasionalmente superan os 200 m sobre o nivel do mar.
Moi preto ao litoral corren unha serie de altozanos, en forma de pequena serra, dende o monte Nariga (223 metros) ata O Roncudo, onde se alza o Alto das Vixías (187 metros). O Monte Branco é o punto dende onde se divisa Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Laxe e a Enseada da Ínsua, onde se amontoa a area e se forma un gran conxunto de dunas de case 2 km de lonxitude e uns 400 metros de anchura media. Esa area trepa polas ladeiras do Monte Branco ata o Alto das Travesas.

A zona costeira é elevada, con grandes cantís, só interrompidos polas pequenas calas areosas de Niñóns e a enseada da Barda. Dentro da ría, esa costa faise máis amable e recollida, e encontrámonos coas calas e praias de Osmo e Ermida, próximas a Corme Porto, a de Balarés e A Barra en Ponteceso, e a de Santa Mariña, Morro e Niñóns na parroquia de Niñóns.

A principal fonte da economía do Concello son a actividade gandeira, agrícola e madereira, así como a actividade pesqueira, especialmente na vila de Corme, sempre ao carón do mar, sendo o percebe do Roncudo considerado o mellor percebe do mundo.


O Clima

Climatoloxicamente presenta grandes similitudes aos concellos da área, con húmidos días no inverno por mor da súa cercanía ao océano. Disfruta dun clima oceánico con choivas abundantes nos meses de novembro e decembro, sendo os meses máis secos os do verán. As precipitacións están no rango dos 945-1.748 mm anuais e temperaturas medias de 12,4-14,5 ºC. Polo tanto, esta suave climatoloxía permite gozar a súa natureza, as súas paisaxes, as praias e demais atractivos do Concello nas catro estacións do ano, cada unha cunha perspectiva climatolóxica diferente.

© by Abertal