San Martiño de Cores
San Martiño de Cores é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Ponteceso e que ocupa unha extensión de 7,5 Km2 repartidos en trece entidades de poboación.
Segundo o padrón municipal de 2009 tiña 602 habitantes repartidos da siguinte maneira: Bardaio (46), Os Barreiros (7), A Campara (128), O Castro (56), Cores (77), Figueiroa (66), A Lamela (20), Limiñoa (48), Miraflores (17), A Ourada (47), Riotorto (50), Santa Cruz (29) e ViladeSuso (11).
Entre os seus monumentos máis importantes destaca o templo relixioso.
Orixinalmente foi unha igrexa románica, da que aínda se conservan restos do século XIII, e sobre esta, dúas fiestras abucinadas orixinais, que foron cegadas. De estilo románico son dous puntais de madeira que sosteñen a teitume, do mesmo material, da nave principal. A planta é de cruz latina, con dúas capelas laterais que están cubertas con bóvedas de canón con arcos faixóns. O presbiterio, que foi restaurado, está cuberto cunha bóveda de forno. Sobre a bóveda da sancristía atopouse unha ara romana invertida, que o párroco expoñeu nunha das paredes deste corpo. Son destacables os retablos barrocos que decoran o altar maior e as capelas laterais. Baixo o cruceiro atopamos o brasón dos Osorios, emparentados cos Condes de Altamira. O muro, sobre o que está a portada románica, reflecta no exterior as sucesivas ampliacións e restauracións da igrexa. Este muro do século XIII, restaurouse no século XII. Sobre o mesmo muro hai dous baleiros e dous arcos apuntados. Máis tarde péchase unha fiestra gótica e ábrese outra do século XVIII, ao ampliar definitivamente a igrexa e levantar a fachada barroca, que está presidida por unha esbelta torre campanario. Nun lateral do exterior ten un sarcófago dos séculos VI oo VII, flanqueado por dúas columnas da antiga fachada principal.
Outros monumentos de interese
Cores é rico en monumentos arqueolóxicos como demostra o inventario realizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia que indica a presencia de varios xacementos na parroquia como son o Castro da Coteleira, o Castro de Cores e Mámoa dos Torrados.
Cabe destacar, no lugar da Ourada, a súa igrexa, pequena pero fermosa e cun gran encanto para o que a visite.