ponteceso turismo

Persoeiros :: Os irmáns Moreira


Precursores do acordeón mariñeiro



Os irmáns Moreira son outros deses fillos da emigración que deu o noso país no século XX. A familia ten as súas orixes en Santo Eleuterio de Tella. Os pais destes artistas do acordeón tiveron sete fillos, seis deles varóns. A súa prole foi emigrando a América e escolleron a cidade de Bos Aires como punto de chegada.
Pedro e Manuel Moreira comezaron a realizar actuacións como acordeonistas en Galicia, na súa primeira formación contaban con tres acordeóns e unha batería, pero sería en Arxentina onde desenvolveron practicamente toda a súa actividade e, sobre todo, na capital e poboacións cercanas. O amplo numero de emigrantes galegos eran os receptores fundamentais da súa arte e os Moreira foron considerados os intérpretes de acordeón máis sobranceiros daquela época. Á hora de rexistrar a música prescindiron de incorporar a batería, instrumento que se comezou a asociar á primeira vaga de rockeiros arxentinos da década dos 60, e decidiron apostar por unha formación máis tradicional e popular, seguramente, como indica Norberto Pablo Cirio, para non perder de vista que os potenciais consumidores da súa música podían achar a presenza desa potente percusión como algo estraño e, en certa medida, alleo e iso podía afectar a súa imaxe entre o público. Nas pezas mesturan pezas instrumentais canda temas cantados, nos que contaban coa colaboración de Ernesto Bermúdez, Xosé María Dans e o seu irmán Santiago Moreira.
Como curiosidade cómpre subliñar que esta formación artística tivo bastantes nomes diferentes ao longo da súa andaina musical, entre eles Hermanos Moreira y su conjunto gallego, Conjunto de acordeones Hermanos Moreira y sus vocalistas, e Conjunto de acordeones Moreira.


© by Abertal