Trátase dunha iniciativa dirixida a grupos, entidades e centros educativos que conxuga á perfección natureza, deporte e aprendizaxe
Coa chegada da primavera volven as visitas guiadas de balde polo noso municipio, que organiza a Concellaría de Turismo para grupos, entidades e centros escolares co propósito de ofrecer unha alternativa de ocio capaz de conxugar natureza, deporte e aprendizaxe.
Os primeiros en estrear a nova temporada serán os 50 sendeiristas da Asociación A Xiada en Marcha, de Vilagarcía de Arousa, que o próximo sábado 23 realizarán a ruta homologada PR-G148 ?Camiño da ribeira? (Ponteceso-Corme). Trátase dun percorrido de 11.3 quilómetros e de dificultade media, que inclúe algúns dos lugares de maior riqueza natural e beleza paisaxística do noso municipio. O técnico de Turismo do Concello de Ponteceso, Javier Couto, será o guía dos/as participantes desta ruta, que dará comezo ás 10:30 horas, cuxa duración aproximada será de 3,50 h. Unha vez finalizado o percorrido, o grupo aproveitará para coñecer algúns dos recunchos máis fermosos do noso concello e desfrutar da excelente gastronomía local elaborado cos mellores produtos do noso mar.
Dentro da oferta da área de Turismo, que dirixe Susana Toja, tamén figuran as rutas ?Polas ribeiras do Anllóns?, dende Ponteceso ata o refuxio de Verdes, e ?Val nativo?, seguindo as pegadas de Eduardo Pondal polo noso concello.
Se ti tamén queres coñecer o noso concello dunha forma amena, didáctica e saudable apúntate ás nosas visitas guiadas. Nesta páxina web podes descargar o formulario de solicitude para grupos, entidades ou centros escolares cun mínimo de 15 participantes. Só tes que cubrilo e envialo por correo electrónico a turismoponteceso@ponteceso.net, e contestarémosche nun prazo de tres días. A que agardas?