O prazo de inscrición será do 25 ao 27 de xuño para todas as actividades agás para surf e paddle, que será os días 11 e 12 de xullo
Excursións, deporte, marchas nocturnas, actividades acuáticas.... Comeza a temporada estival e no Concello de Ponteceso xa temos todo a punto para que desfrutes da programación de verán con actividades para todos os gustos e idades. Desde os departamentos de Cultura e Deportes vimos de elaborar un amplo calendario, con propostas do máis variadas para que goces ao máximo do teu tempo de ocio e lecer durante os meses de xullo e agosto, e no que tamén teñen cabida algunhas das citas gastronómicas, musicais e turísticas máis importantes e tradicionais do noso municipio, promovidas polo Concello e o asociativo.
O deporte e o contacto coa natureza centrarán boa parte da oferta lúdica municipal programada para que aos nenos/as e mozos/as de 6 a 18 anos desfruten dun verán con moita acción e aventura tanto dentro como fóra do municipio, e para que as súas familias poidan conciliar mellor a vida familiar, laboral e persoal.
Un
campus de fútbol sala para nenos de 6 a 12 anos abrirá a programación deportiva do mes de xullo. Do 1 ao 5 a pista do pavillón municipal de Ponteceso e os seus exteriores acollerán unha das actividades máis demandas polos cativos/as xunto ao
Campamento Deportivo da Deputación Provincial, que tamén se desenvolverá ao longo da primeira semana en colaboración co Concello.
Pero este verán tamén haberá acción, aventura e moita adrenalina! Será na saída ao
Galipark, do 8 ao 10 de xullo, na que nenos/as de 9 a 17 anos poderán combinar deporte e diversión realizando rutas BTT, circuítos de altura, lasertag, esvaradores acuáticos e visitas culturais pola zona. E do 17 ao 19 será a quenda dos participantes do programa
Xuventude aventureira (de 12 a 17 anos), que viaxarán ata a estación de montaña de Manzaneda para gozar de tres días de ocio e relax en contacto coa natureza. Un
taller de bádminton en Ponteceso (12, 15 e 16) e en Corme (17, 18 e 19), os
campamentos deportivos (22, 23, 24 e 26) e a
Campaña de Vela da Deputación da Coruña, que arrincará o 22 de xullo en Malpica, completarán un mes de vertixe que rematará cun broche de ouro: a excursión programada para o 30 de xullo ao
Aquapark de Cerceda, coa que gozarán dunha intensa xornada de atraccións acuáticas. Trátase dunha saída para nenos/as nados entre os 2002 e o 2010.
Os e as amantes dos deportes acuáticos que teñan entre 9 e 16 anos estarán de noraboa grazas a un curso intensivo de
iniciación ao surf que se desenvolverá na Praia da Ermida, en Corme, os días 29 e 31 de xullo e 2, 5 e 7 de agosto. E os/as que queiran gozar do mar e da táboa con menos ondas poderán facelo na praia do Osmo (Corme) o 9 de agosto participando nunha xornada de
paddle surf (nados/as 2003-2011). Para a realización das actividades acuáticas é imprescindible saber nadar e recoméndase a todos os/as participantes levar o seu propio traxe de neopreno.
Para adultosPero na programación municipal de verán tamén terán cabida os adultos. Todos os xoves á noite, agás o 25 de xullo e o 15 e 29 de agosto, realizaranse
marchas nocturnas de carácter turístico e cultural por diferentes localidades e espazos de interese do municipio para amosar e poñer en valor a riqueza natural e patrimonial da nosa contorna. A actividade, que dará comezo ás 22:00 horas, está dirixida a maiores de 12 anos. Ademais, todos os luns do mes de xullo, de 09:45 a 10:45 horas, haberá
ximnasia na praia do Osmo (Corme) para maiores de 18 anos.
InscriciónsAs persoas que desexen participar nalgunha das actividades programadas deberán inscribirse no Concello de Ponteceso
do 25 ao 27 de xuño, ambos incluídos, de 9 a 14 horas, agás os/as interesados/as en anotarse nos cursos de surf e/ou paddle surf, que deberán facelo os días
11 e 12 de xullo. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición e con preferencia para os empadroados/as no municipio. Máis información nos teléfonos 981 971 719 (Deportes) e 881 983 683 (Cultura) ou en www.ponteceso.net.
Outras actividadesAdemais da ampla programación elaborada polas áreas de Cultura e Deportes, o verán chega cargado doutras moitas citas gastronómicas, turísticas e musicais organizadas polo Concello de Ponteceso (Campaña Residuos Balarés, IV Feira Mariñeira Artesá, 27º Día da Bicicleta, XVI Ruta Cicloturística por Corme, Ciclo de Cine ao aire libre e Velada Musical) ou en colaboración con outras asociacións locais (XXVII Festa do Percebe, Festival de Habaneras e a Travesía a nado Balarés).
Consulta o programa completo e con todos os detalles no folleto axunto.
Descargas asociadas