Tres estudantes do noso concello benefícianse este curso das becas convocadas pola Fundación EDP, pertencente á empresa de enerxía eólica EDP Renováveis. O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, foi o encargado de facer entrega a Blanca Vidente Vidal, Carlota Rodríguez Bugallo e Ana Villar Pailos dos cheques por importe de 500 euros (primaria), 1.000 (bacharelato) e 2.000 euros (estudos universitarios) que lles foron outorgados tras unha minuciosa selección entre todas as candidaturas presentadas.
Esta iniciativa, enmarcada no proxecto Green Education, consiste na dotación de bolsas de estudo para escolares que conten con boas cualificacións académicas e pertenzan a familias con baixos recursos económicos, residentes nos municipios nos que a compañía estea presente, como é o caso do noso.
O programa, que conta coa colaboración do Concello de Ponteceso a través do Departamento de Educación Familiar, contempla a concesión, como mínimo, dunha beca por cada ciclo educativo.