O Concello de Ponteceso investirá máis de 200.000 euros, achegados pola Deputación da Coruña
Xa está en marcha a obra de ampliación da vía do Campo dos Seixos ao Petón de Tella, na que realizaremos un investimento de 206.686,15 euros, achegados pola Deputación da Coruña. Os traballos, executados pola empresa Construcciones López Cao, teñen un prazo de execución de tres meses e cinco anos de garantía.
A actuación desenvolverase ao longo de 380 metros de lonxitude da vía co obxectivo de acadar un ancho total de seis metros. Con esa finalidade procederase á demolición dos muros precisos para a execución da obra, que tamén inclúe a canalización de 290 metros de canalizacións e a construción de 8 pozos de rexistro e 16 arquetas para a correcta recollida das augas pluviais. Para evitar que o rego de Ponteceso reborde ao seu paso polo Oratorio está prevista a instalación de tubaxes de formigón de grandes dimensións, como puideron comprobar o alcalde, Lois García Carballido, e os concelleiros Miguel González e Raquel Fondo, no inicio das obras.
Na superficie, a nova vía quedará aglomerada, pintada e coa sinalización vertical correspondente. Así mesmo, está prevista a instalación dunha barreira de seguridade en ámbalas marxes, a reposición dos postes afectados e a adaptación de pozos e arquetas existentes.