Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Nova normativa de obrigatoriedade das máscaras

O uso de máscara pasa a ser obrigatorio tamén en situación nas que se poida respectar a distancia de seguridade, salvo excepcións puntuais

Aínda que a situación na que nos atopamos a nivel mundial é complicada, se todos/as colaboramos mellorará!

Por iso, é importante que nos esforcemos e que cumpramos as recomendacións de prevención do covid-19. O uso de máscara é agora obrigatorio incluso aínda que se respecte a distancia de seguridade, salvo en excepcións puntuais.

Desde o Concello de Ponteceso rogámosvos responsabilidade e consideración co utilización da máscara e o seguimento desta normativa, para que entre todos/as axudemos a mellorar a saúde pública.

NOVA NORMATIVA DA XUNTA DE GALICIA

1.2. Distancia de seguridade interpersoal.

Deberá cumprirse a medida de mantemento da distancia de seguridade interpersoal establecida polo Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 de, polo menos, 1,5 metros ou, na súa falta, medidas alternativas de protección física con uso de máscara, de hixiene adecuadas e etiqueta respiratoria.

O uso de máscara será obrigatorio, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal indicada, nos termos previstos no número 1.3.?

Dous. Modifícase o número 1.3 do anexo, que queda coa seguinte redacción:

?1.3. Obrigatoriedade do uso de máscaras.

a) Obriga xeral.

Para as persoas de seis ou máis anos será obrigatorio o uso da máscara en todo momento, tanto cando se estea na vía pública e en espazos ao aire libre como cando se estea en espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao público, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.

Así mesmo, de conformidade co artigo 6.1.b) do Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, para as persoas de seis ou máis anos será obrigatorio o uso de máscara nos medios de transporte aéreo, marítimo, en autobús ou por ferrocarril, así como nos transportes públicos e privados complementarios de viaxeiros en vehículos de ata nove prazas, incluído o condutor.

b) Regras específicas.

1ª) Na realización de adestramentos e na celebración de competicións dentro da actividade deportiva federada de competencia autonómica, aplicarase, respecto ao uso da máscara, o recollido especificamente no protocolo das federacións deportivas respectivas.

2ª) No caso de colectivos artísticos que desenvolvan actos e espectáculos culturais, aplicaranse as regras específicas do número 2.9 e, respecto da produción e rodaxe de obras audiovisuais, aplicaranse as medidas previstas no número 2.10.

3ª) No caso dos coros e agrupacións vocais de canto, das orquestras, bandas e outras agrupacións musicais, da celebración de congresos, encontros, reunións de negocio, conferencias, eventos e actos similares e da actividade formativa en conservatorios, escolas de música e danza, observarase o indicado especificamente nas medidas recollidas nos números 2.11, 2.12, 3.33 e 3.41, respectivamente.

4ª) Nos centros docentes observarase, respecto ao uso da máscara, o recollido especificamente no correspondente protocolo.

c) Condicións de uso da máscara.

Deberá darse un uso axeitado á máscara, é dicir, esta deberá cubrir desde parte do tabique nasal ata o queixo, incluído.

Ademais, a máscara que se debe empregar non deberá estar provista de válvula exhalatoria, agás nos usos profesionais para os cales este tipo de máscara poida estar recomendada.

d) Excepcións á obriga de uso da máscara.

A obriga de uso de máscara non será exixible nos seguintes supostos:

1º) Cando se trate de persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que, pola súa situación de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitar a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

2º) Nos vehículos de turismo, cando todas as persoas ocupantes convivan no mesmo domicilio.

3º) Nas praias e piscinas, durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes. En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas praias e piscinas.

4º) Nos establecementos de hostalaría e restauración, por parte dos clientes do establecemento exclusivamente no momento específico do consumo.

5º) No interior dos cuartos de establecementos de aloxamento turístico e outros espazos similares, cando unicamente se atopen neles persoas que se aloxen no cuarto.

6º) Nos buques e embarcacións de transporte de competencia autonómica, no interior dos camarotes, cando unicamente se atopen neles persoas que se aloxen no camarote.

7º) No caso de exercicio de deporte individual ao aire libre, exclusivamente durante a realización da práctica deportiva e sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento da distancia de dous metros con outras persoas non conviventes.

8º) No caso de actividade física e deportiva en instalacións e centros deportivos, sempre que se poida garantir o mantemento da distancia de seguridade interpersoal en todo momento, exclusivamente durante a realización das ditas actividades e tendo en conta o protocolo publicado para a dita instalación.

9º) En supostos de forza maior ou situación de necesidade ou cando, pola propia natureza das actividades, o uso da máscara resulte incompatible, conforme as indicacións das autoridades sanitarias.

e) Recomendación.

Nos espazos privados, abertos ou pechados, de uso privado, recoméndase o uso de máscara, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non conviventes, aínda que se poida garantir o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.?


https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200718/AnuncioC3K1-170720-2_gl.html

Concello de Ponteceso