O 25 de novembro de cada ano conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller para denunciar todos os tipos de violencia que se exercen sobre as mulleres de todo o mundo e reclamar políticas nacionais e internacionais para a súa erradicación.
A maior forma de expresión de violencia sobre as mulleres é a violencia de xénero, unha forma de violencia que xorde dun problema estrutural e que se dirixe ás mulleres co obxectivo de incrementar a súa subordinación respecto aos homes.
O ano pasado, o 2019, cerrouse cun total de 55 mulleres asasinadas por mor da violencia de xénero, o que supón a cifra máis alta dos últimos 4 anos. Ademais, segundo os datos do INE, o número de mulleres vítimas de violencia de xénero aumentou un 2,0%, acadando un total de 31.911 no 2019.
No 2020, a crise sanitaria e social derivada da pandemia do COVID-19, pola súa gravidade, ocupou e continúa ocupando boa parte da axenda nacional e internacional, pero os datos sobre violencia exercida contra as mulleres continúa a ser preocupante. Segundo os datos da Delegación de Goberno para a Violencia de Xénero a día 13 de novembro, 41 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano en España.
Ademais, segundo os datos ofrecidos pola ONU, os datos e informes relativos a violencia de xénero desde a chegada do virus revelan que durante os últimos meses se intensificou todo tipo de violencia contra as mulleres, especialmente a violencia no fogar. Os novos datos indican que moitos países do mundo incrementaron o número de chamadas ás liñas telefónicas encargadas da atención aos casos de violencia de xénero.
Por outro lado, desde que no ano 2003 comezou a contabilizarse a cifra de vítimas de violencia de xénero, en España un total de 1.074 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas.
A violencia contra as mulleres non se reduce á violencia de xénero, entendida como toda forma de violencia (física, sexual, económica, psicolóxica…) e control por parte de parellas e exparellas, senón que tamén inclúe toda forma de violencia sexual, trata de mulleres con fins de explotación sexual, matrimonios forzosos e infantís, mutilación xenital feminina, calquera forma de acoso e violencia institucional.
Segundo os últimos datos estatísticos dispoñibles, ata un 70% das mulleres do mundo experimentarán algunha destas violencias ao longo da súa vida.
Durante os últimos anos, movementos sociais como #MeToo, #TimesUp e #NiUnaMenos alzaron a súa voz contra a violencia sexual, pero esta continúa existindo en todos os países do mundo, e debemos loitar para que este tipo de agresións non continúen impunes.
Por todo isto, desde o Concello de Ponteceso rexeitamos un ano máis toda forma de violencia contra as mulleres e renovamos o noso compromiso para loitar pola eliminación da mesma. Fagamos posible un mundo seguro para todas.
E por iso, insistimos en que existe un número de teléfono para todas as mulleres que o necesiten, o 016. É gratuíto e non deixa rastro na factura. No 2019 rexistrou case 69.000 chamadas, e no que vai de ano axudou a máis de 63.000 mulleres. Por iso, non hai que ter medo. Se necesitas axuda, chama. A violencia de xénero non son só os golpes.
Descargas asociadas