Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Arranca a programación de Nadal do Concello de Ponteceso da man do conto-concerto do grupo Ensamble IULIUS XIII

O evento celebrouse no CEIP As Forcadas de Corme e retransmitiuse online a través do Facebook do Concello esta mañá

Esta mañá deu comezo a programación de actividades de Nadal do Concello de Ponteceso para este ano. Como punto de partida, o grupo Ensamble IULIUS XIII ofreceu ás 10:30 horas un conto-concerto no CEIP As Forcadas de Corme ao que asistiu o alumnado de menor idade e que foi retransmitido a través do Facebook do Concello e emitido nos outros centros educativos da localidade.

O espectáculo, levado a cabo polo grupo conformado por Alfredo Gómez Sieiro (narrador e clarinetista), Carmen Ferreiro Soto (frautista) e Ludmila Shevyakova (pianista), consistiu na narración dunha historia na que diferentes pezas de música clásica axudaban a trasladarse aos feitos. Entre as obras interpretadas, incluíanse composicións tan coñecidas como a “Pequena serenata nocturna” de Mozart, a “Marcha nupcial” de Mendelssohn, a “Barcarola” de Offenbach ou a “Danza húngara número 5” de Brahms.

Con esta historia, que axudou aos máis pequenos a comprender que moitas das composicións de música clásica son máis coñecidas do que pode pensarse, posto que se empregan con frecuencia no cine e na televisión, na publicidade e incluso nos videoxogos, o concello de Ponteceso inaugura a súa programación de Nadal, que continuará ao longo das próximas semanas con diversas actividades.

Concello de Ponteceso