A instalación foi aprobada pola Deputación como unha mellora na xestión de residuos
O goberno de Ponteceso visitou Balarés, onde a Deputación acaba de adxudicar a instalación dunha fosa séptica que vai mellorar a xestión dos residuos da cafetería da Deputación, dos baños públicos e da base de socorrismo. Trátase dunha fosa séptica que xa se está construíndo e que ten todas as certificacións ambientais. Ten unha capacidade de 15.000 litros e dous depósitos, cun sistema de filtrado especial, onde vai haber un transvase dun depósito a outro e un filtrado con tratamento.
O goberno pasou tamén polo Couto, onde, co apoio do Concello, a Fundación Eduardo Pondal está realizando un importante traballo no espazo Educar. Grazas á colaboración da Xunta de Galicia, unha serie de voluntarios están levando a cabo unha serie de actividades infantís. O Concello está colaborando coa desinfección e coa calefacción para que os nenos e nenas que acoden estean confortables.
A pesar da retirada das dedicacións ás concelleiras e da renuncia do alcalde no mes de agosto a percibir ningún soldo do Concello, o goberno encara o ano 2021 con gran ilusión por traballar para as veciñas e veciños de Ponteceso, con máis ilusión que nunca por levar a cabo os proxectos e mellorar a vida da veciñanza de Ponteceso.