O Concello dirixiuse de novo esta semana logo de non obter resposta as peticións realizadas o pasado 7 de marzo e 21 de xullo
O alcalde do Concello de Ponteceso, Lois García Carballido, solicita por terceira vez á Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, esclarecer o motivo polo cal segue a retrasarse a licitación das sendas nas estradas de Ponteceso de competencia autonómica, do Couto e Xornes. García Carballido dirixiuse de novo esta semana logo de non obter ningún tipo de resposta as peticións realizadas o pasado 7 de marzo e 21 de xullo deste mesmo ano.
A senda do Couto No caso da senda do Couto, a propia Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, prometera xa en marzo de 2020 telas licitadas no ano corrente nunha reunión que mantivo cos veciños en Cospindo. Transcorridos case oito meses deste ano 2021, seguen sen estar publicadas no perfil do contratante da Axencia Galega de Infraestruturas. O Concello de Ponteceso é coñecedor que se producira un pequeno atraso por unha resolución de Patrimonio, pero con todo, sendo un organismo dependente da propia Xunta de Galicia, non debería dilatarse máis no tempo a licitación das sendas.
Segunda fase da senda de XornesA tramitación da segunda fase das sendas de Xornes tamén se atopa na mesma situación que as do Couto. Dende o Concello de Ponteceso logo de varios contactos para saber o estado da mesma, segue sen obter ningún tipo de resposta da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia.
Amais o alcalde, Lois Carballido, ten solicitada unha entrevista con Ethel Vázquez, Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, da cal a día de hoxe, aínda non fixaron a data dende a Consellería. Na última reunión, telemática, mantida entre o Concello de Ponteceso e a Conselleira, o alcalde solicitara axuda para un proxecto de saneamento e abastecemento por Augas de Galicia, pero de momento non tampouco obtivo o visto bo.
Solicitudes á Xefatura Territorial de Estradas para evitar inundacións nas vivendas O Concello de Ponteceso tamén demanda que se executen varias solicitudes realizadas á Xefatura Territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, para evitar que as vivendas dos veciños de Ponteceso se aneguen coas choivas do inverno, unhas peticións que se levaron a cabo de forma reiterada dende o pasado marzo de 2020.
Estas son as solicitudes de obras que se realizaron para resolver os problemas de inundación pola deficiente evacuación das augas nas estradas autonómicas:
• AC-424 (PK 1.67) no Couto, na que a arqueta aberta de pluviais inunda as casas do Couto. O Concello demanda que coa obra da senda se mellore a evacuación e saneamento de augas e que unha parte da mesma se desvíe aos tubos das sendas.
• AC-424 (PK 6.51) en Corme Aldea. Solicitada a restauración da saída de pluviais que cruza a estrada xa que esta atópase taponada no treito final. Amais demandouse a colocación dun tubo paralelo á estrada, así como habilitar unha beiravía que una as casas da marxe dereita.
• AC-419 (PK 10.1) en Canasteves. Neste punto existe un rego que pasa baixo a estrada con capacidade suficiente de desaugue. Sen embargo entre ese punto e o PK 10.2 hai unha tubeira de pluviais con insuficiente sección, polo que os desbordamentos son habituais e provocan inundacións na vivenda máis próxima á marxe esquerda da estrada. O Concello ten solicitado mudar a tubeira por unha de maior capacidade de desaugue, con pozos e reixas máis amplas.