O Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte en Corme acolleu multitude de actividades arredor da cultura e a arte tanto galega como nacional
O Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte converte este verán a Corme e ao Concello de Ponteceso no punto de referencia e encontro da cultura e arte da nosa comarca. Amais, o museo, rematou o mes de agosto vestindo a súa fachada cun mosaico formado por 55 lonas, no que a pegada artística dos veciños e veciñas de Ponteceso está presente.
Durante estes meses estivais o MACCMO acolleu multitude de actividades e exposicións, dinamizando así a cultura e arte non só galega, senón que tamén nacional.
ExposiciónsSen dúbida, a presentación da exposición "Abelenda- Íntimo e inédito", foi un dos acontecementos máis importantes que durante este verán acolleu o Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte. Unha exposición que se compón das creacións de Alfonso Abelenda, un dos grandes creadores plásticos galegos,, sendo a peza principal un gran cadro de 1997, titulado “Autorretrato ou máscara cos pinceis”, trátase dunha atrevida visión do último retrato: “A máscara mortuoria”. Este cadro tan só se expuxo ao público no seu funeral e agora dous anos despois no Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte.
Por outra banda, o MACCMO e grazas á colaboración da Asociación Cultural Ínsua de Viastela de Corme e o Concello de Ponteceso, achegou de novo os barcos á nosa comarca, coa exposición fotográfica "Barcos mercantes - pataches feitos na Ría do Anllóns - Unha ollada á construción nos nosos estaleiros”.
“Un mar de relatos” e outras letrasAs letras tamén estiveron presentes durante este verán no MACCMO, acollendo o ciclo de lectura de relatos curtos, organizado pola Asociación Cultural Ínsua de Viastela de Corme e enmarcado no programa “Un Mar de relatos”, que se levou a cabo todos os mércores do mes de xullo e agosto.
Pero tamén a través das presentacións que se desenvolveron de diversas obras literarias. Presentacións como a do libro "O tesouro de Brando" de Manuel Regueiro González Barros; do poemario "A estrela de Anís" de Encarnación Pisonero, presentado por Ánxeles Penas, tradutora ao galego da obra ou a presentación da obra "Cosas vivas" de Antonio Nieto Rodríguez. Tamén Mariña Regueiro escolleu o museo de Corme para presentar o seu libro, co-autora xunto con Rocío Utray, "Poemas e haikus” nos mesmos días nos que tamén levou a cabo, un ano máis, o curso intensivo de encaixe.
Conferencias e charlasAmais de ser un punto de referencia para a arte da nosa comarca, o Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte, converteuse durante este verán no punto de encontro de conferencias e charlas sobre temáticas diversas, dende a situación das minorías nos Estados Unidos pasando por analizar personalidades importantes da cultura do noso país como o escultor José Luis Fernández.
Así o MACCMO, acolleu entre outras, a conferencia "Sabiduría oculta del Camino de Santiago" desenvolvida por Ilia Galán; "Made in USA. Cuando las minorías tocan el poder" da man da xornalista catalá Nuria Ribó; a charla da actriz española Arantxa de Juan sobre a obra de teatro "Unha muller perigosa" escrita, dirixida e interpretada por ela ou a proxección e charla-coloquio sobre o escultor José Luis Fernández, creador da actual estatua dos Premios Goya, na que participou a súa filla e tamén escultora Natalia Fernández.