O alcalde de Ponteceso tamén abordou co goberno provincial avances na licitación
da ponte de Xavarido e das sendas de Lestimoño a Ponteceso, así como o impulso do aparcamento de Balarés
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a petición do alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, asinou este venres, 4 de febreiro, o expediente de licitación, por importe de 303.583,42 euros, para a segunda fase do asfaltado da DP- 6805 entre a Ourada e Pazos. Deste xeito, as obras estarán executadas antes do fin do verán, acumulando un investimento superior aos 600.000 euros na mellora do tramo A Campara - Pazos, sumando os traballo que se fixeron o ano pasado da Campara á Ourada.
As obras a realizar no proxecto para o tramo especificado da estrada serán as consistentes en:
- Apertura de gabias por ambas marxes e limpeza.
- Fresado e reposición de firme en entroncamento con estradas.
- Acondicionamento de accesos para evitar que entre a auga nas vivendas.
- Colocación de barreira de seguridade metálica tipo bionda, así como a posta a terra de terminais de bionda existente.
- Debido a que o firme actualmente atópase en tratamento superficial e é bastante irregular, esténdese unha capa de regularización de espesor variable.
- Sobre esta capa de regularización esténdese unha capa continua de mestura asfáltica en quente tipo AC 16 SURF 60/70 de 4 centímetros de espesor.
- Renovación de sinalización vertical.
- Renovación da sinalización horizontal no tramo da estrada sobre o que se actúa mediante pintura viaria branca, tanto en eixo, beiravías e símbolos.
- Partida para a xestión de residuos e obras accesorias.
| Avances na licitación da ponte de Xavarido e das sendas de Lestimoño a Ponteceso |
Nunha reunión tamén no pazo provincial, José Manuel Pequeño, alcalde de Dumbría e deputado de Obras, deulle conta ao rexedor pontecesán dos avances na licitación da ponte de Xavarido (inminente, coas expropiacións xa realizadas) e das sendas de Lestimoño a Ponteceso. Neste proxecto vaise iniciar o expediente de expropiación e, se o pleno de Ponteceso o aproba, incluiría saneamento e abastecemento. O investimento supera o millón de euros, e a Deputación financia o 80%.
| Impulso do aparcamento de Balarés |
Xosé Lois García tamén se reuniu co deputado Xosé Luis Penas (Bng) para impulsar o aparcamento de Balarés, unha obra que ten partida no orzamento actual da Deputación por un importe de 400.000 euros.
Descargas asociadas