Xosé Lois García agarda concretar un convenio de colaboración para a mellora das emerxencias e a base do polígono de Tella
O alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García, reuniuse recentemente en San Caetano co vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto. O obxectivo, conseguir un convenio para a mellora das emerxencias e a base do parque empresarial de Tella en Ponteceso. A oferta tivo moi boa acollida e o rexedor agarda concretala nun próximo protocolo de colaboración.
Xosé Lois agradeceu a Alfonso a sinatura do convenio que permitiu a obra de mellora do Xulgado de Paz, coa visita do Director Xeral de Xustiza a Ponteceso. Sobre todo, porque o convenio se tivo que anular a finais do 2020 e volver a facer no 2021 debido ós retrasos xeneralizados nas subministracións dende que comezou a pandemia.
No referido a Protección Civil, García pediu unha nova lancha zodiac, xa que as dúas das que dispón o Concello están en moi mal estado, sobre todo, os motores. A petición tamén foi moi ben recibida. Mentres non chega, o consistorio está buscando unha solución para cubrir o servizo.
Visita do presidente, Feijoo, á vila de Pondal O alcalde solicitou así mesmo a Rueda que interceda ante o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, para que visite oficialmente a vila de Pondal, pois dende que Xosé Lois García Carballido é o alcalde, en 2015, o máximo representante da Xunta non visitou o Concello. O rexedor trasladou que esa ocasión, se non o decide antes, sexa no 40 aniversario do Festiletras, por varios motivos que puxo en valor.
En primeiro lugar, o festival ten un mérito enorme pola tremenda significación da súa oferta musical, cultural e artesá, nunha pequena aldea da Costa da Morte. De outro lado, a Administración autonómica colabora moi activamente coas actividades que promove a Fundación Eduardo Pondal e a Asociación Monte Branco dende varias consellerías. O vicepresidente si gabou as actividades no Couto como algo único, e pediu ao alcalde que curse a invitación a Feijóo con copia ó seu departamento.
Descargas asociadas