Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O parque empresarial de Ponteceso postúlase como candidato a acoller o polo de emprendemento rural da Costa da Morte

O delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o polígono de Tella para coñecer as súas instalacións e o seu funcionamento

A Administración autonómica vai crear dez oficinas de emprendemento no rural en toda Galicia. Dende este anuncio, o Concello de Ponteceso mostrouse interesado en acoller o polo da Costa da Morte no parque empresarial de Tella. Co obxectivo de coñecer as instalacións e o funcionamento do polígono, o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o lugar de traballo. O Goberno local pediulle o seu apoio para que ese desexo se converta nunha realidade.

O alcalde, Xosé Lois García Carballido, e as concelleiras Noelia Varela e Maite Chouciño, guiaron a visita en compañía de numerosos empresarios, que acolleron esta idea con gran entusiasmo. Dende ambas partes consideran que as oficinas da asociación de empresarios son perfectas para acoller este organismo.

De outra parte, Trenor interesouse polas naves que se están desenvolvendo nestes momentos en Tella, así como pola oferta de solo. O delegado provincial quedou en volver cando se inauguren estas novas instalacións, que será en breve, para coñecelas máis en profundidade. Do mesmo xeito, mostrou o seu compromiso en colaborar cos empresarios do parque en iniciativas para a dinamización da zona.

O Concello de Ponteceso agradeceulle enormemente a súa visita. Mesmo sentir trasladaron os membros do Goberno municipal pola presenza da portavoz do Partido Popular local, Marta Carrillo.


Descargas asociadas


Concello de Ponteceso