Na mañá do martes celebrouse unha concentración diante da Casa do Concello
A Casa do Concello de Ponteceso foi escenario na mañá deste martes dunha
concentración en repulsa da brutal agresión machista que se produciu na madrugada do luns na localidade de Carballo.
A cidadanía pontecesá amosou, unha vez máis, o seu rexeitamento á violencia machista, nun acto que contou coa presenza de representantes da corporación, traballadores/as
muncipais e veciños/as do concello.
A concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Atención ao Cidadán e Transparencia, Noelia Varela Suárez, deu lectura a un comunicado para manifestar a condena aos actos de violencia que tiveron lugar nos últimos días. Ademais da agresión en Carballo, tres
mulleres foron asasinadas nos últimos días en crimes machistas en España, e son xa 18 no que vai de ano 2022.
O Concello de Ponteceso quere enviar tamén a súa solidariedade e apoio á familia e amigos/as da muller agredida en Carballo, e desexarlle unha pronta recuperación.
Comunicado lido por Noelia Varela Suárez, tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Atención ao Cidadán e Transparencia
Por desgraza, temos que estar un día máis, aquí, conmovidas e conmovidos pola dor, por culpa dun novo crime brutal e desalmado. E xa son demasiadas veces, demasiadas concentracións, demasiadas bágoas derramadas e demasiada dor. E máis doe, se cabe, cando nos toca tan de preto como nesta ocasión.
Xa son moitos os días que tivemos que saír a rúa e berrar para que ningunha muller máis sexa vítima desta lacra. Oxalá non ter que facelo, pero farémolo as veces que sexa preciso ata acabar coa violencia machista. Ata que ningunha de nós teña que sentirse desprotexida, indefensa, calando por pánico as agresións físicas e verbais, o desprezo e a humillación.
Sairemos, ás veces que sexa preciso, fronte a quen pretende negar que esta lacra non existe. Onte espertabamos coa terrible noticia do acontecido en Carballo. No que vai de ano, 18 mulleres foron asasinadas en España. Tres delas, nos últimos días. E en menos de 20 anos, a violencia machista causou 1.158 mortes. Mulleres cos seus nomes,
apelidos, familias, seres queridos e vidas tronzadas para sempre.
Acabar con isto está en mans de cada un de nós. Non consentindo os desprezos, nin calando diante deles. Axudando a quen está en risco. Acabando co medo e a vergoña a enfrontarse ás agresións. Ensinando e educando aos nenos e nenas, desde o comezo, no respecto, na igualdade e no rexeitamento a calquera tipo de violencia.
Poñamos todos e todas da nosa parte para non ter que sentir de novo tanta dor.
Descargas asociadas