Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A tradicional Feira das Fabas de Ponteceso cumpre 30 anos

O alcalde presentou esta mañá o programa desta festa que se celebrará o sábado 29 de outubro
















O Concello de Ponteceso celebra este sábado 29 de outubro a edición número 30 da Feira das Fabas.
O alcalde, Xosé Lois García Carballido presentou a programación deste tradicional evento acompañado da tenente de alcalde, Noelia Varela e da concelleira Maite Chouciño. Tamén estiveron presentes a fabeira María José Pose Rama, que aporta gran parte das fabas que se van cociñar na festa, e a cociñeira de primeiro nivel Josefa Amado Mosqueira, que leva cociñando na Feira das Fabas desde as primeiras edicións.
A Feiras das Fabas ten lugar o último sábado do mes de outubro. Nesta ocasión, a festa arrinca cedo. Ás 10:30h gravarase en directo “Ferrado e medio”, o programa da Radio Galega especializado no agro presentado por Xusto López Carril, un xornalista natural de Muxía.
Logo, ás 11:00h empezará a I Feira Rural da Trabe. Un pouco despois, ás 11:30h exporanse na Memoria da Feira da Trabe as fotografías históricas e descoñecidas das primeiras vendedoras de fabas que houbo na feira.
Os asistentes poderán desfrutar ás 12:00h do espectáculo de Yosi Fervenza, un escultor que fai figuriñas de madeira. Despois, ás 12:30h o pasarrúas levará a música polas rúas de Ponteceso da man de Treboada Baixo Miño.
A mediodía, arredor das 13:30h abrirá a zona Gastro, que conta con bar, polbeira e churrasco. Ás 14:00h a humorista Eva Iglesias dará un pregón no que falará da importancia da muller no mundo rural e, ao remate, ás 14:30h, comezará a degustación das fabas. O alcalde adianta que van convidar “a todas as persoas maiores de 60 anos do Concello de Ponteceso para que veñan gozar das fabas”. Lois García Carballido engadiu: “os comercios e a hostalería terán unhas invitacións para entregarlle aos seus clientes habituais para que veñan probar a fabada”.
Despois de comer, ás 15:30h será “A banda da Balbina” a encargada de amenizar a xornada e, pola tarde, ás 18:00h tocaralle de novo á Treboada Baixo Miño co seu pasarrúas.
A encargada de pechar a tan esperada Feira das Fabas será Verbena Galega, que porá o broche final coa súa música ás 21:00h.
Desde o Concello convidan a todo o mundo a asistir a un evento tan importante para a vila no que a música e a gastronomía galegas son as protagonistas.

Concello de Ponteceso