A Asociación de Amas de casa de Ponteceso e o Concello colaboran para ofrecer aos visitantes do comercio local o belén de artesanía de Buño en homenaxe á Feira da Trabe.
O Concello de Ponteceso, con esta iniciativa, segue a ofrecer propostas este Nadal coa inauguración do “Belén social da Trabe” realizado no obradoiro Feituras fai máis de 25 anos e que se poderá visitar ata o vindeiro 6 de xaneiro.
Ao acto de inauguración asistiron as Amas de Casa de Ponteceso, o alcalde, Xosé Lois García Carballido e a tenente alcalde do Concello de Ponteceso, Noelia Varela.
Un espectacular belén cunha composición de pezas artesanais en barro que forman escenas tradicionais entre as que destacan o portal de Belén, os pastores que van a adorar, os reis magos, o castelo de Herodes, ademais, de escenas típicas do noso rural e cunha orixinal montaxe moi coidada.
Por outra banda, a ambos lados do escaparate pódese contemplar unha pequena homenaxe á Feira da Trabe con sacos de fabas, cabazos e outros elementos da Galicia tradicional realizado polas Amas de Casa de Ponteceso.
Dende o Concello queremos convidar a todos o veciños, veciñas e visitantes da vila a aproveitar a oportunidade de ver este fermoso belén en horario comercial de 10:00 ás 20.30 horas na antiga zapatería a Pesqueira da Avenida Eduardo Pondal de Ponteceso.
O concello agradece ao propietario da zapatería a Pesqueira a cesión desinteresada do local para exhibir no escaparate o "Belén Social da Trabe".