Dezasete rapaces de entre cinco e nove anos representaron unha obra propia na que
traballaron durante un trimestre.
Dezasete nenos e nenas da Escola Municipal de Teatro de Ponteceso expuxeron o seu
talento para a escena, ao interpretar a obra ‘O libro da viaxe de Nadal’, perante aos seus
familiares e amigos, no serán do día 22 de decembro.
O alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, felicitou aos rapaces e rapazas polo
excelente traballo que veñen desenvolvendo dende o mes de outubro e destaca así
mesmo o esforzo, a adicación e o agarimo que demostra en cada clase o profesor da
escola, Yago Espasandín.
Tratábase dunha obra propia na que os actores e as actrices, de entre cinco e nove anos de
idade, foron representando diferentes pequenas historias en torno ás datas do Nadal. A
actuación resultou finalmente un éxito rotundo e o público aplaudiu emocionado polo
talento amosado polos rapaces.
Trala función teatral, na que os novos actores puxeron en práctica xogos e exercicios
teatrais que viñeran ensaiando ao longo do trimestre, tanto os intérpretes como os
asistentes degustaron un delicioso chocolate. Foi un bo fin de festa para celebrar o Nadal.