Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A carreira III Popular Faro Roncudo recada fondos para paliar os efectos do terremoto en Turquía e Siria.

O prazo de inscrición xa está aberto e a proba levarase a cabo o 29 de abril pola tarde en categorías divididas por idade

Presentación III Popular Faro RoncudoO Concello de Ponteceso presenta a terceira edición da carreira Popular Faro Roncudo, que este ano ten como lema “Corre por Turquía e Siria”. Deste xeito, aínda que a inscrición é de balde, os participantes que o desexen poderán colaborar coa Cruz Vermella facendo de maneira voluntaria un donativo para axudar aos afectados polo terremoto que tivo lugar en Turquía e Siria hai unhas semanas.

Na presentación participaron o alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, a tenente alcalde, Noelia Varela, as técnicas deportiva do Concello de Ponteceso, Remedios Varela e Noelia Leis, o presidente comarcal de Cruz Vermella en Bergantiños, Roberto Mallo, o presidente da Asociación Deportiva e Cultural Vidú, Martín Varela, e o presidente da Agrupación Deportiva Abellariza, Miguel Cousillas. O alcalde gabou o traballo que está levando a cabo a Cruz Vermella en Turquía e Siria para paliar os efectos do terremoto e animou a todo o mundo a aportar o seu gran de area: “Para nós é un esforzo extra pero queremos adicarlle a carreira Popular Faro Roncudo este ano para que os corredoras e corredoras e todo aquel que queira poidan contribuír cun donativo ao traballo tan bonito da Cruz Vermella”. Tamén o presidente comarcal de Cruz Vermella en Bergantiños, Roberto Mallo lle agradeceu ó Concello a iniciativa porque “permite darlle visibilidade ao que fai a asociación e recordan que segue habendo necesidades nestes países despois das semanas máis críticas, nos que tardarán anos en volver á normalidade”.

Os donativos poden facerse a través de bizum ou de transferencia bancaria. Se lle interesa, pode consultar o número das contas bancarias e do bizum na web www.cruzroja.es/colabora ou chamando ao número 900 104 971.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 26 de abril ás 23.59h e a proba deportiva terá lugar o 29 de abril ás 18.00h. Na carreira poderá participar calquera atleta, federado ou non, que nacera antes do ano 2017. A inscrición pode facerse a través da web www.carreirasgalegas.com.

A carreira dos maiores (sub 20, sub 23, sénior, máster 1, 2, 3 e 4) terá un percorrido de 6 km e 200 metros (ida e volta). A saída farase ás 19.00h na Praza da Ribeira (Corme Porto); logo, os corredores irán pola estrada de asfalto ata o Cabo Faro Roncudo e volverán ata o punto de partida, que tamén é a meta. Non haberá que coller desvíos nin cruces e a meta pecharase ás 20.00h.

O itinerario dos máis pequenos (sub 18, 16, 14, 12, 10 e 8) será no mesmo espazo que o dos maiores, pero adaptaranse as distancias a cada unha das categorías (no caso dos sub 8, o traxecto será dirección á praza).

O alcalde, Xosé Lois García Carballido asegura que “é unha auténtica marabilla ir correndo mirando ao mar, onde está o mellor percebe do mundo e, aínda enriba, conseguindo botarlle unha man aos afectados do terremoto”.

Ao remate das carreiras, ás 20.00h farase unha entrega de premios aos tres mellores de cada categoría diferenciados por sexo, ao gañador e gañadora absoluto, aos atletas locais de maior idade e tamén se lles entregará unha medalla a todos os pequenos e pequenas por participar.

Os atletas participantes levarán un chip que controle o tempo invertido na carreira. Tanto a retirada deses chips como dos dorsais farase ese mesmo día na secretaría que estará situada na praza da Ribeira (Corme Porto) a partir das 16:30 h. Permanecerá aberta ata 30 minutos antes do inicio de cada carreira. Calquera atleta con circunstancias médicas a ter en conta (alerxia, atencións especiais…) deberá facelo constar no momento de recollelo dorsal e levarao anotado no reverso do dorsal durante a proba.


Descargas asociadas


Concello de Ponteceso